Saltar ao contido

Literatura filmada

    En 1896 gravouse a que é considerada a primeira adaptación cinematográfica dunha obra literaria da historia, Trilby and Little Billee, unha ‘escena en movemento’ de 27 segundos que teatralizaba unha secuencia de Trilby (1894), obra de George Du Maurier. Comeza aí a intensa relación entre literatura e cinema, que na nosa cidade deixará a súa primeira evidencia coñecida trinta anos despois, coa primeira adaptación, en 1924, de La Casa de la Troya, á cal lle seguirían outras.

    Adaptacións da literatura en español de autoría galega

    Viento del Norte (1950), Elena Quiroga

    Debemos esperar varias décadas para encontrar unha adaptación cinematográfica diferente á da novela de Pérez Lugín, e será a dunha obra teatral do coruñés Adolfo Torrado, Sabela de Cambados (1946), filme dirixido polo seu irmán Ramón Torrado en 1948. A partir de aí, as adaptacións literarias pasan a ser recurso frecuente na nosa cinematografía. Así, poucos anos despois, encontramos a primeira muller escritora que verá unha obra súa levada ao cinema nun filme onde Santiago teña presenza, Viento del Norte (1951), novela de Elena Quiroga, gañadora do Premio Nadal e de pai galego. A adaptación cinematográfica é de 1954 e foi dirixida polo exiliado retornado, Antonio Momplet.

    Sonata de Otoño (1902), Ramón María del Valle-Inclán

    Un dos autores máis recorridos é Ramón María del Valle-Inclán. Del existen tres obras adaptadas con Santiago presente nas gravacións. A primeira é Sonatas (1959), de Juan Antonio Bardem, que se basea nas memorias ficticias do ficticio Marqués de Bradomín narradas nos libros Sonata de otoño (1902), Sonata de verano (1903), Sonata de primavera (1904) e Sonata de invierno (1905). En 1972 encontramos Flor de Santidad, neste caso da man de Adolfo Marsillach, censurada polo franquismo, baseada na obra de mesmo nome (1904). En 1987 levarase á pantalla grande Divinas palabras, dirixida por Jose Luís García Sánchez. A obra de teatro orixinal (1919) levaba por subtítulo Tragicomedia de aldea, o cal talvez influenciou que o director buscase paisaxes dos arredores de Santiago en vez de centrar a filmación na cidade.

    Continuando coa autoría galega, Santiago ten o seu espazo, aínda que non de forma central, na premiada serie (1985) que adapta Los Pazos de Ulloa (1886-1887) e La Madre Naturaleza (1887) da coruñesa Emilia Pardo Bazán, boa coñecedora da nosa cidade, onde ambientou algunhas das súas obras.

    Literatura estatal

    El hijo adoptivo (1984), Álvaro Pombo

    Só temos tres casos inventariados de obras de autores estatais adaptadas ao cine onde Santiago estea presente. A primeira será en 1950, Tiempos felices. Escenas de la época esponsalicia (1933), obra do asturiano Armando Palacios Valdés, adaptada por Enrique Gómez. En 1991, Juan Pinzás, vigués e único director estatal adherido aos postulados artísticos do Dogma 95, adapta a novela El hijo adoptivo (1984) do cántabro Álvaro Pombo co título El juego de los mensajes invisibles. E en 1966 encontramos a desaparecida El bordón y la estrella, dirixida por León Klimovsky e baseada no libro infantil homónimo de Joaquín Aguirre Bellver.

    Bebendo doutras latitudes

    Temos que chegar a 1972 para encontrarmos o primeiro filme inspirado nun autor que non teña ascendencia galega ou estatal, será con La novia ensangrentada, de Vicente Aranda, baseada na historia gótica e de vampirismo lésbico Carmilla (1872), do irlandés Joseph Sheridan Le Fanu, obra que influenciará a máis coñecida Dracula (1897), de Bram Stoker.

    Vinte e cinco anos máis tarde, unha historia do escritor ruso Ivan Turgenev inspirará o filme Nena (1997) de Xavier Bermúdez. Outro director galego, o ourensán Eloy Lozano, autor do primeiro filme en 35 mm rodado en galego (Retorno a Tagen Ata, 1973, baseado nun conto de Xosé Luís Méndez Ferrín), escollerá realizar unha versión cinematográfica da novela A casa das belas adormentadas (1961) do Premio Nobel xaponés Yasunari Kawabata. O filme chamouse Bellas durmientes (2001) e foi rodado integramente en Santiago.

    O case-omnipresente Camiño, aparecerá da man do escritor norteamericano Jack Hitt, cuxa obra Off the Road: A Modern-Day Walk Down the Pilgrim’s Route into Spain (1994) será adaptada polo director Emilio Estévez, fillo do protagonista, Martin Sheen/Ramón Estévez, de orixes galegas, en The Way (2010). Nese mesmo ano, Mygale (1995) do francés Thierry Jonquet, será a obra que inspire La piel que habito (2010) de Pedro Almodóvar.

    A primeira adaptación dunha obra latinoamericana que encontramos é Inevitable (2013), de Jorge Algora, inspirada na obra de teatro Cita a ciegas do arxentino Mario Diament. Pouco despois, chegará o filme alemán Ich bin dann mal weg (2015), dirixido por Julia von Heinz e baseado no libro Ich bin dann mal weg (2006), do tamén alemán Hape Kerkeling.

    E chega a literatura en galego

    Non será até os últimos momentos do século XX que cheguen as adaptacións, onde a capital galega estea representada, de obras en galego. É de destacar que boa parte das adaptacións foron rodadas orixinalmente en castelán, aínda que despois contaran con dobraxe en galego para a emisión na TVG.

    Este novo capítulo ábrese con Manuel Rivas, quen será, xunto a Valle-Inclán, o máis presentado na cinematografía con presenza compostelá. Será en 1999 que José Luis Cuerda rode La lengua de las mariposas (1999), que adapta varios relatos seus publicados no libro Que me queres, amor? (1995). O escritor, músico e director Antón Reixa escolleu outra obra deste mesmo autor galego, e adaptou en 2002 o seu libro El lapiz del carpintero (1998). En 2018 comezará a emisión da serie Vivir sin permiso, creada por Aitor Gabilondo, ambientada na obra Vivir sen permiso e outras historias de Oeste (2018), cuxo segundo relato baséase na “idea orixinal” escrita polo autor para esa serie de televisión.

    Debemos esperar até 2002 para encontrar o filme máis compostelán, xa que adapta a obra dun compostelán, Suso de Toro, Trece badaladas (2002), rodada en Santiago da man de Xavier Villaverde. Dous anos despois, Romasanta. Memorias incertas do home lobo (2004), obra de Alfredo Conde, terá tamén a súa versión cinematográfica en castelán da man de Paco Plaza.

    Outra creación moi compostelá, e primeira rodada en galego, será Doentes (2011), do venezolano e galego de adopción Gustavo Balza, que se basea na obra teatral do mesmo nome (1998) do compostelán Roberto Vidal Bolaño, ambientada no Santiago dos anos 50. Nese mesmo ano, con moita menor presenza da nosa cidade mais tamén gravada en galego, Sinbad, de Antón Dobao, está baseada na novela Si o vello Sinbad volvese ás illas (1961), de Álvaro Cunqueiro.

    A curtametraxe Artaud em Compostela (2013), do director e poeta brasileiro Márcio-André de Sousa Haz, inspirado libremente no conto homónimo do lingüista e escritor Carlos Quiroga. Esta é a única obra escrita en galego-portugués adaptada cinematograficamente da que teñamos noticia.

    Finalizamos este repaso con outra rodaxe en galego, A estación violenta (2017), filme dirixido e co-escrito por Anxos Fazáns, é unha adaptación libre da novela homónima (2008) de Manuel Jabois e a última desta longa lista que, sen dúbida, terá continuidade.

    Etiquetas:

    Deixar unha resposta