Saltar ao contido

‘La Casa de la Troya’ e o cinema

    Ambientadas na novela romántica La casa de la Troya (1915), de Alejandro Pérez Lugín, chegaron a rodarse cinco películas, o que dá conta da enorme repercusión que acadou a obra na súa época. Resultado deste éxito, a novela, ademais destas adaptacións ao cine, tamén foi obxecto de numerosas reedicións e de adaptacións ao teatro e á televisión.

    Alejandro Pérez Lugín, en Mundo Gráfico, número 193 de 7 de julio de 1915.

    A biografía de Pérez Lugín, nado en Madrid en 1870, está moi ligada a Galiza, por diferentes motivos. Un deles está relacionado coa familia, en concreto coa da súa nai, María Josefa del Carmen García Lugín y Castro, parente da ilustre Rosalía de Castro. O outro ten que ver coa universidade, xa que Lugín estudou en Santiago de Compostela a carreira de Dereito. Precisamente será a vida da universidade dos anos 80 do século XIX a que Pérez Lugín retrate nesta novela a través da historia dun mozo estudante, Gerardo Roquer, que é enviado polo pai a Santiago de Compostela coa intención de pórlle fin, con este “desterro”, á vida ociosa que levaba en Madrid e conseguir que acabase os estudos de Dereito. Xa en Compostela, Gerardo Roquer vaise instalar nunha pensión, chamada Casa de la Troya, onde coñecerá outros estudantes e unha moza que dan vida aos protagonistas dunha das obras máis recoñecidas sobre a cidade.

    Das moitas adaptacións que se fixeron desta novela, a primeira realizouse para o teatro, da man do propio Pérez Lugín e do compostelán Manuel Linares Rivas. A obra estrearíase o 26 de febreiro de 1919 no Teatro de la Comedia de Madrid con grande afluencia de público, segundo a prensa da época, o que facilitou a súa representación durante varias temporadas. Á sesión inaugural deste peza asistiron diferentes personalidades, como a escritora Emilia Pardo Bazán.

    A seguir, sucedéronse as producións para o cine. A primeira desta serie foi gravada no ano 1924 pola produtora Troya Films, da que Lugín formaba parte. Trátase dun filme mudo dirixido polo propio Lugín e por Manuel Noriega. Foi estreado en Santiago de Compostela o 13 de febreiro de 1925 na sala Royalty, a primeira sala de cine moderno da cidade. Os cines Royalty situábanse entre a rúa de Fonte de Santo Antonio e o Hórreo, nun solar ocupado na altura pola Casa da Inquisición (que foi derrubado para construír o novo inmoble) e que na actualidade acolle o Hotel Compostela (cuxa construción tamén supuxo o derrube do edificio orixinal dos cines). Entre o seu elenco, contou coa actuación de profesionais como Carmen Viance -actriz cunha recoñecida traxectoria no cine mudo e que interpretou o papel de Carmiña-, Pedro Elviro, Florián Rey, Luis Peña Sánchez ou Juan de Orduña. Aínda que o filme está baseado na novela, nesta versión introducíronse algunhas novidades que a diferencian do libro, como o feito de que a pensión da Casa de la Troya se situaba na Casa do Cabido, que Carmiña vivía na Casa da Parra ou que a súa residencia familiar se localizaba no Pazo de Oca. A través das súas imaxes podemos pasear a cidade de Compostela de finais do século XIX da man dos protagonistas e tamén doutras cidades galegas nas que tamén se rodou, como Vigo, A Coruña e Betanzos. De feito, a fita foi recuperada no ano 2003 polo Centro Galego de Artes da Imaxe da Coruña (CGAI), o que a converte nun importante testemuño histórico de Galiza e da nosa cidade.

    Pouco tempo despois, no ano 1930, estréase In Gay Madrid (Estudiantina, na versión traducida), dirixida polo americano Robert Z. Leonard e producida por Metro-Goldwyn-Mayer British Studios. Posiblemente atraído pola repercusión da novela, o director fai esta adaptación en clave musical, converténdose así na primeira versión con son sobre ‘La Casa de la Troya’. O director, Robert Z. Leonard, foi ademais actor, guionista e produtor. Entre os seus recoñecementos, destaca o feito de ter recibido un premio Óscar á mellor película por The Great Ziegfeld, ademais de contar cunha estrela no Paseo da Fama de Hollywood. Na rodaxe deste filme participaron a actriz Dorothy Jordan na interpretación de Carmiña e o actor mexicano Ramón Novarro. Filmouse nos estudos californianos da Metro-Goldwyn-Mayer, por tanto, o Santiago real non chega a aparecer, como tampouco Galiza, estando todas as personaxes caracterizadas desde unha perspectiva andaluza estereotipada.

    Transcorridos seis anos, en 1936, dará comezo a rodaxe dun novo filme, nesta ocasión dirixido por Juan Vila Vilamala e Adolfo Aznar. No entanto, e debido ao golpe de estado militar dese mesmo ano, a finalización da gravación non se completaría até o ano 39 e será estreada a finais dese mesmo ano no cine Rialto, en Madrid. Entre os seus protagonista destacan Tony d’Algy, actor portugués nado en Angola e de nai española que chegaría a realizar carreira en Hollywood, e Isa de Navarra, da que pouco se sabe sobre a súa traxectoria posterior. Ademais, tamén participaron Paulino Casado, José Cordero, Santiago Barat, Carmen Tierra, Dora Sánchez e Mimí de Alcázar. Sobre esta poden encontrarse algunhas declaracións airadas, como que era unha “caricatura burda, de mal gusto, insultante, que desvirtúa el ambiente y el vivir santiagueses”, “de ahí los pitos y pataleos” con que foi recibida nas salas de cinema.

    Do ano 1947 data outra das producións de orixe foránea, desta vez procedente de México para Suevia-Ultramar Films e Panamericam Films. O filme foi dirixido por Carlos Orellana e contou con guión de Manuel Altolaguirre e coa música de Rodolfo Halffter, quen adaptou para a pantalla varias cancións populares galegas. A película, rodada en México, foi estreada en 1948 no cine Olimpia de Ciudad de México e, entre os actores e as actrices contaba con personalidades como Armando Calvo, Charito Granados, Ángel Garasa, Carmen Molina, Consuelo Guerrero de Luna, Luis Alcoriza e Miguel Arenas. No entanto, é de destacar neste caso a participación da actriz luguesa de nacemento, Prudencia Grifell, quen interpreta o papel de dona Generosa, a patroa da pensión. Filla de actores, Prudencia acadou moito éxito en México, lugar para onde emigrou coa familia sendo ela unha nena. Outro dos aspectos que singulariza esta versión é a incorporación dun diálogo que non estaba presente na edición orixinal da novela e que nos transmite de forma moi directa a imaxe que había da cidade de Santiago no ambiente madrileño:

    “- Gerardito, ¿qué haces aquí? / – Ya lo ves, Isabel, de viaje. / – ¿Hacia dónde? / – A Santiago de Compostela. /- Mi más sentido pésame. /- Gracias”.

    Finalmente, a última desta serie de cinco filmes rodados sobre La Casa de la Troya é, talvez, a versión máis coñecida e tamén a primeira que se realiza en cor. Trátase da película dirixida por Rafael Gil e rodada para Coral Films. Non era a primeira ocasión en que o director realizaba unha versión para o cine dunha novela de Pérez Lugín, xa que tiña adaptado con anterioridade Currito de la Cruz e Camino del Rocío. Foi estreada en 1959 no Teatro Carlos III de Madrid e contaba cun excelente elenco encabezado por Ana Esmeralda, Arturo Fernández, José Rubio, Julio Riscal, Manuel Gil, Félix de Pomés, Manolo Morán, Félix Fernández e Pepe Isbert, quen interpreta maxistralmente o papel do catedrático Don Servando. Entre o seu palmarés, destaca o feito de ter conseguido o terceiro premio como mellor película polo Sindicato Nacional do Espectáculo. O desaparecido Hotel España da Rúa Nova, o Edificio da Universidade (hoxe facultade de Xeografía e Historia), a Libraría Galí (‘casualmente’ a que tiña os dereitos de publicación do libro) ou o barrio do Carme de Abaixo son algúns dos escenarios principais por onde nos pasea este filme.

    Grazas a este conxunto de filmes temos a oportunidade de ver como a cidade de Santiago foi mudando co tempo e pasear os diferentes escenarios desde o ano 1924 até o 1959 do século XX. Pero ademais dos lugares e os espazos, tamén nos permite coñecer a sociedade da época, marcada por un profundo machismo que se reflicte en cada un dos filmes, así como os estereotipos que dela se transmitían, ligados ao ambiente estudantil máis festivo.

    Etiquetas:

    Deixa unha resposta