Saltar ao contido

Concello de Santiago

Compostela Filmada

As irmás Fandiño en Un viaje por Galicia (Manuel Arís, 1958)

Benvidas e benvidos á páxina de Compostela Filmada, un espazo no que poderás descubrir as distintas visións que a través do cinema se ofreceron da nosa cidade, Santiago de Compostela.

Con este proxecto, impulsado pola área de Cultura da Concellería de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural e Igualdade, quérese dar a coñecer a vinculación de Compostela co mundo do cinema e a creación cinematográfica, unha relación moi rica e variada, a pesar de ser a nosa a última das grandes cidades galegas en coñecer unha proxección do cinematógrafo: o 7 de xaneiro de 1900 no Ateneo, sendo poucos días despois a primeira exhibición pública comercial, o 23 de xaneiro, na rúa do Vilar 26. Xa desde ese momento inicial percíbese unha grande expectación na cidade sobre o novo invento. Interese que foi medrando co tempo, con proxeccións nas feiras e coa aparición dos pavillóns temporais ou das primeiras salas estables.

Gaceta de Galicia: Diario de Santiago, 25/01/1900 – Fonte: Galiciana

Neste percorrido pola historia do cinema en Santiago de Compostela ocupa un lugar privilexiado Isaac Fraga Penedo, un dos máximos responsables do desenvolvemento da industria en Galicia. A relación de Isaac Fraga co cine en Compostela iniciarase en 1909 cando, durante as festas do Apóstolo, instala un gran cinema ambulante na carballeira de Santa Susana. No ano seguinte arrendará o Pavillón Artístico da Ferradura, obra de Antonio Palacios, ao mesmo tempo que ten en funcionamento o Gran Cine Fraga. O empresario tamén alugará dúas salas na Rúa Nova: o Salón Apolo e o Teatro Principal. A campaña publicitaria da súa empresa deseñaraa un compostelán de adopción, Camilo Díaz Baliño.

Será en 1910 que encontremos a primeira gravación coñecida que se fixo na cidade, Santiago, la Atenas de Occidente, de José Gil, e poucos anos despois, O Ano Santo em Compostela, composta con planos tomados no mes de xullo do Ano Santo de 1915, por un operador da produtora Invicta Film do Porto, contratado por Isaac Fraga, sendo estas as primeiras imaxes en movemento conservadas sobre Santiago de Compostela.

Pouco máis de cen anos despois encontramos que o concello foi escenario de máis de 90 filmes e doutros tantos documentais, curtametraxes e series; números que medran ano tras ano. Rodaron aquí directores e directoras recoñecidos (de Luís Buñuel ou Stanley Kramer a Pedro Almodóvar) e actores e actrices míticos como Cary Grant ou Ornella Muti. A nosa cidade foi tamén escenario de importantes producións galegas, como O lapis do carpinteiro, 13 badaladas ou 18 comidas; e non podemos esquecer que foi berce de directores como Alfonso Zarauza, de experiencias como o Grupo Lupa ou de compositores como Nico Casal e cidade de acollida de Margarida Ledo Andión, Luís Tosar ou Mabel Rivera.

Ademais, hoxe en día o concello conta coas salas de Cinesa, nas Cancelas, co Cineclube de Compostela, ou con iniciativas innovadoras como o Cinema NUMAX, que fan fronte á crise no sector destes últimos anos e que levou á desaparición de moitas salas (un caso recente é o dos Multicines Compostela). Destacan, por último, os festivais Cineuropa, Curtocircuito, Amal e o MICE ou os ciclos de cinema que ofrecen espazos como o CGAC, a Cidade da Cultura ou Afundación, entre outros centros e asociacións.

Esta páxina web, en constante actualización, quere dar unha visión panorámica sobre o cinema e a nosa cidade, para o cal ofrece un paseo virtual polas nosas rúas e outro polas salas de cine históricas, completado cunha bibliografía, con biografías, con liñas do tempo (Cronoloxía CF, Historia Filmada e O cineclubismo en Compostela) e cun inventario, e que se ve acompañado de entrevistas a persoas do mundo do cinema, novas e artigos. Compiláronse tamén carteis, trailers e vídeos completos de filmes, series, curtametraxes e documentais rodados en Santiago de Compostela ou onde é protagonista principal.

O Concello de Santiago non se responsabiliza polo contido doutras webs cuxos enderezos estean dispoñíbeis nas nosas páxinas, ou das ligazóns que estean neles dispoñíbeis.