Saltar ao contido

COMPOSTELA NA BUFARDA:
UNHA LOCALIZACIÓN SEN MAR PARA UNHA ILLA

    Pola Illa Bufarda

    Que é a Illa Bufarda?

    Unha produtora audiovisual que nace no 2012. Ata aí todo ben.

    “Nun punto latitudinal do Mar Cantábrico que coincide cun eixo lonxitudinal do Océano Atlántico, emerxeu no 2012 unha pequena superficie de terra que se deu en chamar Illa Bufarda. Foi albiscada, no instante no que aflorou, polas súas primeiras habitantes: Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva. Pasado o tempo, no ano 2019, Pilar Abades, chega á illa para habitala.”

    Por se o noso storytelling non fose enrevesado dabondo, tamén vos queremos contar que a Illa Bufarda é un metaterritorio, unha matrioska de sitios con todo o que iso deixa na nosa ollada. 

    Para falar da Illa Bufarda poderiamos comezar por situármonos en Noia, en Xanceda, ou en Lamela… onde nacemos ou nos criamos. Poderiamos falar da Bufarda como un lugar que emerxe das augas e que está en continuo crecemento, podería tamén ser un pobo promiscuo e soberano da raia, un enclave que non aparece nos mapas…, mais nestas liñas imos falarvos do lugar primixenio para este territorio imaxinado: Santiago de Compostela.

    PREÁMBULO

    O 3 de outubro de 2005, ante a expectación dunha eclipse de sol, a cidade acolleunos como estudantes na nosa primeira aula da licenciatura de Comunicación Audiovisual. O noso paso pola universidade durou o que durou o bipartito e tras catro anos de estudo saímos ao mercado laboral en plena crise económica.

    Gústanos da cidade ese ir e vir, ese trafego de xente diferente, grazas sobre todo ao ambiente universitario. Santiago é unha cidade pola que se flúe. Agora estás, agora marchas e igual volves… Moita xente de todo o país pasa algunha época da súa vida aquí. En Santiago conflúese e apréndese moito do grandes e diversas que somos: as preguntas con entoación sureña e tamén o “bibe” (imperativo de verbo beber) ourensán, oímolos por primeira vez aquí.


    Foi onde fixemos amizades (a nosa tamén), saímos de festa e bailamos “La Guarida del Amor”, bañámonos no río Tambre, fomos ao teatro, ao Cineuropa, ao AMAL e ás Mostras Internacionais de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego. Foi en Santiago de Compostela onde vimos pechar e abrir varias salas de cinema, onde formamos parte do tecido activista da cidade, onde fixemos radio libre, cadernos de fotografía e onde imaxinamos un Instituto Galego da Información cheo de vida, como un espazo de traballo compartido.

    Ben. Non queremos deixarnos levar pola nostalxia da máis fervente xuventude que tan ben representou Ataque Escampe en Festa Malandrómica. Imos ir ao gran.

    INT. –  DÍA

    Foi Santiago o lugar ao que volviamos e no que nos encontramos de novo. E na rúa Santa Clara, no bar “O 13”, xa hai case once anos dabamos en chamarlle “Illa Bufarda” a este proxecto que aterramos cun topónimo no naming

    Son moitos os espazos asociados ás nosas primeiras experiencias laborais na produtora. A nosa primeira produción foi “Isaac, editor da memoria”, un encargo da Asociación Galega de Editoras, na cal proxectamos diferentes fotografías de Díaz Pardo polas fachadas dos lugares importantes na súa vida: a casa onde naceu na Rúa Hortas, no IGI, na galería Sargadelos da rúa Nova… A cidade estaba aí para nós, para explorar e experimentar nesa primeira encomenda. Con cámaras non moi boas e cun xerador eléctrico ás costas para alimentar un proxector con moi poucos lumens, sacamos a primeira produción da Bufarda adiante.

    As nosas primeiras encomendas tamén viñeron por parte do Museo do Pobo Galego, que ao igual que coa AGE temos a honra de continuar creando. Naqueles primeiros proxectos tratábase de rexistrar os interesantísimos Cafés da Memoria, conversas en primeira persoa arredor dun café. En 2014 interpretamos este Museo Etnográfico coa nosa mirada nas Olladas sobre o museo:  Animación, fotograma a fotograma, un percorrido 2D no que puxemos o foco na migración, o feísmo, os recursos e a tradición oral. 

    Fotograma do café da memoria Gandeiras

    E pouco a pouco, sen dármonos case de conta, o lugar, as actividades, as persoas, os lazos e a rede foinos marcando de xeito inevitable, a nivel persoal, profesional e tamén ao proxecto colectivo da Bufarda. Deste xeito, Santiago fíxose territorio desta illa.

    EXT. – DÍA

    Santiago é para nós escenario, actúa como telón de fondo por veces e outras é o verdadeiro protagonista das nosas historias. Santiago tamén é inspiración, alimenta a nosa mirada co seu erguerse ecléctico cando o rural e o urbano conflúen, cando a xente de aquí se mistura coas que somos de alá e cando as historias saben a concertos de jazz na zona vella. E como non, Santiago tamén é audiovisual.  Lembramos o traballo do Equipo Lupa, colectivo que coñecemos grazas a Euloxio Ruibal e ao Festival Curtocircuito. As imaxes do derrubamento do Edificio Castromil (1975) asindo unha realidade cambiante e abrindo a veda a outras para colocarnos tras da cámara. 

    Traballar nunha cidade postal ofrecida ao turismo tamén ten os seus retos, pois é traballar sobre unha paisaxe estereotipada e hiperrepresentada.

    Traballar aquí significa traballar na casa, aquí coñecemos os atallos, as imaxes posibles, a rede da que tirar cando precisamos axuda, a outras profesionais coas que crear. Dende aquí, na desconformidade de ser atravesadas polo AP9centrismo, viaxamos cara outros núcleos, percorremos outros territorios e mesturamos as paisaxes. 

    Traballar nunha cidade postal ofrecida ao turismo tamén ten os seus retos, pois é traballar sobre unha paisaxe estereotipada e hiperrepresentada: co peso da pedra, do camiño, da choiva, e da eterna catedral… Na Illa Bufarda gústanos partir de aí para buscar unha paisaxe cambiante, que represente ao territorio coas súas tensións e diversidade, no que se podan ver novos espazos imaxinados luminosos e descentralizados: Ánxela Blanco coa súa coreografía no Monte Pedroso ou as mulleres de Trazo e Santiago para o vídeo da MICE.   

    No ano 2016 gañamos o IV Concurso de Proxectos de Publicidade Comercial en Galego do Concello de Santiago de Compostela que consistía en facer unha campaña publicitaria para Catrineta, unha conserveira local que botou o peche da súa tenda física. Neste proxecto ponse en valor o comercio local e serve para reflexionar sobre as dinámicas da cidade e como moitos espazos son eclipsados pola hostalaría pouco a pouco.

    A apropiación de espazos e de rituais reservados para os de fóra é interesante para coñecer máis a fondo  unha cidade que nos obriga a desmacarnos dela ante o devir uniformado de lugar xentrificado. Aló polo ano 2018 programamos un obradoiro de técnica da fotografía en réflex convidando ao alumnado a ver a cidade como turista: a visita á catedral, o paseo en tren turístico e a degustación da torta de améndoa estaba dentro do programa formativo, xunto con contidos de linguaxe audiovisual e técnica fotográfica.

    En 2019 comezamos a rodaxe de Negro Púrpura e con ela mergullámonos na Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela. Da man do etnobotánico Karlom López achegámonos á parte máis científica do claviceps purpúrea. Na USC tamén rodamos o documental O latexo do tempo humano. Tres pezas, tres artesáns, que recolle as investigacións de María Martín Seijo arredor dos restos de madeira carbonizados recuperados do castro de Castromaior. No verán deste mesmo ano, tamén iniciamos nun piso do Ensanche desta cidade a rodaxe de S.E.X. Webserie, un proxecto de divulgación sexual realizado xunto con ASEIA (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia) e producida grazas ao apoio da Deputación da Coruña a través da convocatoria Proxectos Singulares. 

    Indagar nos límites entre a imaxe coñecida e a descoñecida da cidade foi un proceso dun dos últimos traballos na Bufarda. “No século un cantar” (2022), unha serie de entrevistas a diferentes membros da Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, que celebrou no 2021 o seu centenario como parte esencial da historia cidade. Compostela, como unha personaxe máis, tiña que lucir luminosa e aberta para crear escenas nas que as persoas entrevistadas, as que viven día a día a cidade, se axenciaran dos seus espazos.  

    No século un cantar | Tráiler

    Dende aquel primeiro “Isaac, editor da memoria” do 2012 a este último “No século un cantar” do 2022 foron moitas as experiencias vividas nesta cidade. 

    A historia da nosa produtora non se pode desligar de Santiago de Compostela pois é aquí onde conflúen todos os lugares que constrúen esta illa que habitamos.

    Facendo un percorrido por lembranzas importantes non podemos deixar de citar aquel primeiro aniversario da produtora celebrado con xente querida no agora inexistente Restarante Rúa en San Pedro, o Cineuropa e o Cineclube Compostela de bote en bote para ver Fíos Fóra en 2015, o recoñecemento co Premio Manuel Beiras 2017, a emocionante estrea de Negro Púrpura como filme inaugural na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico de 2021 ou a celebración do noso 10º aniversario no ano 2022 no C.S. A Gentalha.

    A historia da nosa produtora non se pode desligar de Santiago de Compostela pois é aquí onde conflúen todos os lugares que constrúen esta illa que habitamos. Asentamos un territorio imaxinado, nun lugar concreto do mapa que nos conforma como persoas creadoras. Este foi e está a ser o noso intento de traer o mar da Bufarda a unha localización de interior.  No noso cavilar queda a pregunta: como sería a Illa Bufarda se habitase noutro lugar?

    Illa Bufarda estamos en: Rodríguez de Viguri, 6 – 1º Santiago de Compostela

    Deixar unha resposta