Saltar ao contido

Biografías

Nos máxicos 111 anos que transcorreron desde a primeira rodaxe coñecida en Santiago (1910) até a creación desta web (2021), podemos identificar moitas persoas relacionadas co cinema e coa cidade. A seguir ofrecemos unha pequena selección de perfís biográficos dalgunhas desas persoas. Non sempre son compostelás, sexa por nacemento ou por escolla, mais todas teñen ou tiveron unha relación estreita co planeta Compostela.

Achas en falta a biografía de alguén? Envíanos a túa suxestión a info@compostelafilmada.gal


Airas Bispo

Actor compostelán que comezou a súa andaina no mundo da interpretación facendo teatro como actividade extraescolar. Con só nove anos participou como actor na súa primeira curtametraxe, Amelia e as sereas (2007), dirixida por Ghaleb Jaber Martínez. De feito, comezou a súa carreira de actor como un hobby pero a súa profesionalidade levouno a actuar en diferentes series de televisión como Amar en tiempos revueltos, Os Atlánticos e Maridos e mulleres. Tamén foi o protagonista do filme Los muertos no se tocan, nene (2011), unha comedia de Lalo Azcona dirigida por José Luis García.

Alba Galocha

Alba Galocha

Actriz e modelo

Natural de Compostela, trasladouse a Madrid con 18 anos para estudar deseño de moda, onde comezou a súa carreira como modelo, converténdose na imaxe de importantes marcas. Non obstante, no 2014 comezou a formarse como actriz e deu os seus primeiros pasos no mundo do audiovisual como protagonista para a curtametraxe Jewel Power for Freedom lovers. No ano 2016 debutou como actriz para a gran pantalla da man de El hombre de las mil caras (2016) e no breve período de tempo que leva no mundo do audiovisual xa actuou para filmes como No culpes al karma de lo que te pasa por gilipollas (2016) e Si tu voyais son cœur (2017). Tamén foi actriz en series de televisión como Néboa (2020), para a que fai o papel de Vega. Ademais disto, a creatividade de Alba Galocha levouna a explorar o mundo da arte e crea diferentes obras a través de técnicas e materiais tan diversos como o bordado, o debuxo, a cerámica ou a fotografía.

Alberto Rolán

Actor con ampla experiencia como actor de audiovisual, teatro e performance. Despois de formarse na Escola de Teatro e Danza Espacio Aberto, realizou un postgrao en Arte Dramática, especializado na Teoría e Práctica da Interpretación. Foi nomeado aos Mestre Mateo no 2018 como mellor actor protagonista por A estación violenta (2017, Anxos Fazáns), unha longametraxe que marcou un punto de inflexión na súa carreira como actor. Ademais gañou o María Casares 2016 ao mellor actor secundario por O principio de Arquímides de Teatro do Atlántico.

Aldara Pregue

Aldara Pregue

Realizadora

Naceu en Santiago de Compostela, onde estudou o ciclo superior de Produción audiovisual, radio e espectáculos en O Raio Verde, posteriormente trasladouse a Pontevedra para cursar o grao en Comunicación Audiovisual. Ao longo da súa etapa formativa participou en diversas curtametraxes coma Galiza galáctica (2011) ou O rostro esquecido (2014). No ano 2016 comezou a súa andaina como realizadora con Anverso , unha peza documental, que trata sobre a memoria da paisaxe a través de postais antigas. A idea de memoria arraigou na compostelá e repítese na curtametraxe Lar de 2016 (que leva adiante coa realizadora Iria Silvosa), onde a memoria emocional se vincula cos espazos xa non habitados.

Alfonso Zarauza

Alfonso Zarauza

Guionista e director

Natural de Santiago, desde ben novo tiña clara a súa paixón polo cine e nalgunha ocasión ten confesado que escribiu o guión da súa primeira curta nos panos de mesa dunha cafetaría. Este soño de mozo foise materializando e a día de hoxe reflíctese nunha carreira ben variada: dirixiu videoclips e anuncios, curtas, series, documentais e longametraxes. Entre estas últimas, destacan títulos como A noite que deixou de chover (2008), Encallados (2013), Os fenómenos (2014), Ons (2020) ou Malencolía (2021). Como recoñecemento por Ons recibiu diferentes premios e triunfou nos Mestre Mateo do 2021, resultando gañadora en nove das categorías polas que optaba a premio.

Andrés Pazos

Actor nado en Compostela e finado na mesma cidade en 2010, aínda que pasou boa parte da súa vida en Uruguai, a onde se trasladou na súa mocidade. Os seus comezos no mundo da interpretación tiveron lugar en Montevideo, concretamente na escola de teatro de El Galpón, unha compañía teatral tradicional da cidade, coa que actuou en varias producións. Tamén colaborou na fundación de La Gaviota, un colectivo teatral do que formou parte entre 1973 e 1985. En 1990, volveu a Galiza e integrou o Centro Dramático Galego (CDG), onde actuou e dirixiu varias producións. A partir de 1995, compaxina o seu traballo no mundo do teatro coa aparición na gran pantalla, chegando a ser moi coñecido polo seu papel de Jacobo en Whisky (2004).

Antonio Casal

Antonio Casal

Guionista e director

Actor de cine, teatro e televisión nos anos de posguerra, finado en Madrid en 1974. Naceu en Compostela e iniciou os seus estudos de navegación marítima e de comercio na cidade da Coruña, non obstante, abandonou a súa formación e trasladouse a Madrid, onde comezou a súa carreira artística no teatro. En 1941 debutou no cinema con Polizón a bordo e desde ese momento converteuse nun afamado actor, protagonizando numerosos filmes, aínda que é moi lembrado polo seu papel en La torre de los siete jorobados (1944). Tamén tivo unha gran popularidade grazas ás series de Televisión española Palma y Don Jaime, Plinio e Animales racionales. Durante toda a súa traxectoria non deixou de interesarse polo teatro, na década de 1950 formou unha compañía co empresario teatral Ángel de Andrés e posteriormente formou a súa propia. A partir dos anos 60 tamén traballou en dirección e produción teatral.

Araceli Gonda Cabreira

Natural de Gondomar, chegou a Santiago para estudar Xornalismo e, desde aquela, viviu na capital galega, até que en 2017 se muda a Ortoño (Ames), onde vive actualmente.
No 2004 comezou a traballar como guionista e compaxinou este traballo coa redacción de deportes da TVG durante máis de dez anos, até que en 2010 decidiu deixar o mundo da televisión para centrarse na súa carreira como guionista. Ao longo da súa carreira escribiu en series para a TVG como Luci (da que é co-creadora), Padre Casares, Terra de Miranda, Pazo de Familia ou Serramoura, entre outras, e tamén participou na serie Piratas (Telecinco) e formou parte do equipo de guión da serie Hierro (Movistar+ e Arte Francia). No mundo do cinema escribiu o guión da comedia Cuñados e colaborou no guión de 18 comidas, de Jorge Coira, que recibiu o premio a mellor guión nos Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual. Tamén guionizou programas de entretemento como Tourilandia, escribiu varias obras de teatro e varios libros infantís.

Camila Bossa

Veciña da nosa cidade, comezou como actriz en 1994 no teatro universitario, para dous anos despois aparecer no
Luar, na serie Pratos combinados e, sobre todo, de 1999 a 2002 en Mareas Vivas, no papel de Belinda. Posteriormente interveu na serie As leis de Celavella e formou parte do elenco de Matalobos co papel de Adriana, co cal gañou o Premio Mestre Mateo 2009 á mellor interpretación feminina secundaria. Participou tamén de numerosas rodaxes, entre elas varias gravadas na nosa cidade, como a curta Bechos raros (2006) ou La noche que dejó de llover (2008).

Camilo Díaz Baliño

Camilo Díaz Baliño

Ilustrador e escenógrafo

Natural de Ferrol, estudou na Escola de Artes e Oficios da Coruña e formouse como escenógrafo en Madrid. En 1920 establécese na compostelá rúa das Hortas, onde monta o taller de escenografía da Empresa de Espectáculos Fraga, traballando como deseñador e publicista do empresario Isaac Fraga. Tamén foi escenógrafo da Coral de ruada, escritor de relatos e poesías ou delineante no Concello. Ademais deseñou a capa de múltiplos libros, entre eles as obras publicadas na colección Lar, carteis a favor do ‘Si’ no plebiscito do Estatuto de Autonomía ou os das festas do Apóstolo. En 1911 recreou o Salón Apolo, na rúa do Vilar, en estilo xaponés, remodelará o Teatro Principal en 1915 e decorará o Salón Teatro en 1920. Gravou entre 1922 e 1923 o filme Compostela, do cal só se conservan seis fotogramas. Detido ao comezo do golpe de estado militar, estivo preso na Falcona, onde retratou os seus compañeiros antes de ser asasinado o 14 de agosto de 1936,. Aparece dramatizado no libro e filme homónimos, O lapis do carpinteiro.

César Goldi

César Martínez Pérez, coñecido como César Goldi, é actor de cinema, televisión e teatro. Comezou no teatro a inicios dos noventa, ten representado numerosas montaxes, ademais de participar no grupo de maxia e rock The Magical Brothers. Tamén dispón de experiencia como presentador en diversos actos, incluíndo as xiras do Xabarín Club. En televisión interpretou papeis como actor episódico en diversas series e tivo un papel principal en 4º sen ascensor, Mareas vivas ou Luna, el misterio de Calenda , entre outras. A súa traxectoria tamén pasa polo mundo do cinema, con filmes como El rey de los huevones (2006) ou Galatasaray-Depor (2005). Aínda que principalmente é máis coñecido pola súa longa traxectoria teatral, moi vinculada a numerosas colaboracións coa compañía compostelá Chévere.

Comba Campoy

Comba Campoy

Actriz, guionista e directora

Actriz, guionista e directora nada en Compostela. Estudou xornalismo e enfocou a súa carreira profesional ao mundo do teatro e audiovisual, formándose en teatro, clown, voz, ortofonía e dicción e locución radiofónica. Como intérprete televisiva formou parte da serie Rías Baixas e baixo o papel de Sonia foi a protagonista da longametraxe Dias de voda (2002). Ademais, conta con experiencia en curtametraxes e formato documental, así como tamén traballou en escrita e dirección no eido audiovisual, onde destaca a pioneira serie de ficción local Cabo Do Mundo, realizada por Televinte, a televisión local de Chantada. Tamén foi promotora cultural e produtora executiva en Tintimán Audiovisual, unha sociedade dedicada á produción de documentais e actividades de promoción cultural.

Dorotea Bárcena

Dorotea Bárcena

Actriz, dramaturga e directora de escena

Actriz, dramaturga, directora de escena e activista feminista natural de Oviedo e cunha intensa relación con Compostela.
Na procura de desenvolver as súas inquedanzas artísticas e intelectuais, involucrouse no mundo teatral a través da agrupación Galicia Social. Pouco despois iníciase no teatro profesional e destaca como actriz e directora de escena, acadando diversos recoñecementos pola súa traxectoria. Compaxinou o teatro co audiovisual, participando en series na TVG, especialmente en papeis cómicos, como O show dos Tonechos ou Escoba!, entre outros, converténdoa nunha actriz de grande popularidade. Tamén actuou en filmes como Divinas palabras (1987), Ilegal (2002) ou Lobos de Arga (2011) e conseguiu o Premio Agapi como mellor actriz feminina por El baile de las ánimas (1993) de Pedro Carvajal.

Ernesto Chao

Natural de Ribadavia e afincado en Compostela, foi un recoñecido actor galego cunha longa traxectoria e diversos galardóns, finado en 2018. Aínda que é recoñecido polo seu papel na serie Pratos Combinados (1995) estamos ante un actor cunha longa e consolidada traxectoria no mundo da interpretación, especialmente no teatro. En 1985 comezou a súa carreira televisiva, especialmente ligada á TVG e participou en numerosos programas de formatos diversos, colaborando con pequenos papeis en series de éxito a nivel estatal como Cuéntame como pasó (2001). Na gran pantalla cómpre destacar a súa aparición en filmes como Os mortos van á présa (2008), polo que foi nomeado aos Premios Mestre Mateo a mellor actor. Foi tamén director do Centro Dramático Galego e recibiu diversos recoñecementos como o Premio Chano Piñeiro do Audiovisual Galego ao mellor actor protagonista en 2002 por Condenado a vivir ou o Premio María Casares ó mellor actor protagonista en 2008 por As últimas Lúas, entre outros.

Euloxio R. Ruibal

Euloxio R. Ruibal

Escritor e director

Nado en Ordes, desde neno reside na capital galega, o que propiciou o seu achegamento aos ambientes teatrais e cinéfilos de Compostela na súa mocidade. Considerado un dos renovadores do teatro galego, comezou a súa actividade teatral en 1961 no Teatro de Cámara Ditea. Ademais, foi fundador e director do grupo teatral Obradoiro e do equipo de cinema independente Lupa, co que realizou varias curtametraxes e documentais etnográficos realizadas en formato 8mm, como Mesturanza (1972), A rapa das bestas (1972) ou Peliqueiros (1973). Tamén filmaron Holocausto (1972), a única peza de ficción do equipo no cal recollen o derrubamento do coñecido Edificio Castromil, na hoxe chamada Praza de Galicia.

Ezequiel Méndez

Ezequiel Méndez

Cinéfilo e crítico cinematográfico

Compostelán de nacemento, licenciouse en Filosofía e Letras. Foi director de promoción do diario El País (1989-1990) e director de relacións externas e da área de Cultura no equipo fundador do Instituto Cervantes (1991-1993). A súa cinefilia remóntase á súa época universitaria, cando nos anos 60 fundou o cineclube universitario (1961-1967). Tamén foi crítico cinematográfico (entre 1960 e 1967) nos diarios La Noche e El Correo Gallego e consolidouse como un gran teórico fílmico. Ademais, exerceu como actor e director, formando parte de diferentes grupos de teatro universitario (TEU, Tespis e Ditea), e foi copromotor do Equipo 64 (1964-1967), co que realizou varios documentais sobre Galiza e a súa cidade natal.

Farruco

Farruco

Humorista e actor

Baixo o alcume de Farruco está Xosé Luís Bernal López, humorista e actor galego, nado en Compostela, que chegou a facerse coñecido polos seus monólogos humorísticos, moitos deles recollidos e editados nas súas catro producións discográficas: Caralladas, Farrucadas, Trapalladas e Gargalladas. Interésalle o mundo da interpretación dende novo, e compaxinaba o traballo na empresa familiar con pequenas actuacións en feiras e festas. Presentou festivais, pronunciou pregóns, fixo teatro, recitou poesía, colaborou en emisoras de radio e participou como actor en diferentes filmes e series de televisión. Como actor na gran pantalla apareceu nos filmes Divinas palabras (1987), Entre bateas (2002), Sei quen es (1999) e A vida que che espera (2004) pero tamén ten un papel relevante en televisión, na serie Terra de Miranda e no programa Vivir aquí.

Fernando Cortizo

Fernando Cortizo

Produtor, director e guionista

Os seus inicios foron a mediados dos 90 coa realización de dúas curtametraxes en 8mm de imaxe real. Tras esta primeira experiencia, este compostelán comezou a interesarse pola animación en stop motion e rematou por especializarse nesta técnica, sendo Black Cat Spantat a súa primeira curta de animación. En 2007 crea a súa propia produtora, Artefacto Producciones, coa realiza diversos traballos de animación como Leo ou Promesa. En 2012 estrea O Apóstolo, primeiro filme europeo en stop-motion estereoscópico, co cal consegue gran proxección internacional e diversos premios e nomeamentos, como o dos Premios Goya 2013.

Helena Girón

Helena Girón

Directora

Compostelá especializada en cinema documental, os seus traballos indagan nas relacións entre mitoloxía, materialismo e percepción. Licenciada en Comunicación Audiovisual, realizou os mestrados de Guión de Cine e TV e de Montaxe Cinematográfica. Ademais, compaxina a súa actividade como cineasta coa docencia en varios centros de formación cinematográfica. Realizou, xunto ao canario Samuel M. Delgado, os filmes Irmandade, Plus Ultra, Montañas ardientes que vomitan fuego e Sin Dios ni Santa María. Tamén levou a cabo varias performances e instalacións. En 2019 comezou a rodar a súa primeira longametraxe, Eles transportan a morte, seleccionado para o programa Ikusmira Berriak do Festival de San Sebastián e Tabakalera.

Iria Sobrado

Licenciada en matemáticas e formada en interpretación e performance, o seu interese polas accións escénicas efémeras e a performance levárona a crear O estado cru, Brinde, Titania ou A espera (Reclamando a Clitemnestra). Como actriz teatral, estivo nomeada nos Premios Max 2017 como actriz secundaria por Raclette de Ibuprofeno Teatro, actuou en diversas compañías e participou en festivais como Escena Contemporánea de Madrid, FITEI do Porto (Portugal) ou 15 Janeiro de Grandes Espetáculos do Recife (Brasil), entre outros. No mundo da televisión foi colaboradora en programas como Land Rober e Tourilandia, coprotagonista de Pazo de Familia e actriz en diversas series da TVG. Participou ademais en numerosas curtametraxes.

Isaac Fraga

Isaac Fraga

Exhibidor, distribuidor e produtor

Sendo moi novo emigrou a Buenos Aires, onde entrou en contacto co cinematógrafo. Á súa volta converteuse nun dos primeiros exhibidores cinematográficos ambulantes que percorreron a xeografía galega. En 1910 arrenda o pavillón do Recreo Artístico no Paseo da Ferradura como exhibidor cinematográfico e leva o traballo neste espazo de forma simultánea con outro espazo instalado na Alameda e dous locais na rúa Nova: o Salón Apolo e o Teatro Principal. En 1913 comezou a súa expansión por Galiza, consolidándose como o empresario máis importante do sector audiovisual. En 1920 instalou en Compostela o Taller de Arte e Propaganda da Empresa Fraga, dirixido por Camilo Díaz Baliño. Na década de 1920 instalouse en Madrid e inaugurou locais por todo o Estado. Debutou como produtor de documentais e en 1936 crea Films Patria, impulsando a realización da serie Arriba España! La Reconquista de la Patria (1936-1938).

Iván Seoane

Iván Seoane

Director

Nado en Compostela, estudou Ciencias da Comunicación na USC e deuse a coñecer en 2007 coa súa primeira curta profesional, O hospital (2007), fita de suspense rodada no vello hospital compostelán, que gañou o primeiro premio na categoría de Novos Realizadores no XXXVI certame audiovisual internacional Liceo Casino de Vilagarcía (2008). Entre os seus traballos cómpre destacar a curtametraxe O 9º principio (2009) e como director secundario participou en numerosas series de televisión como Matalobos, polo que recibiu, xunto a Jorge Saavedra, o premio á mellor realización nos Mestre Mateo de 2011.

Jaione Camborda

Compostelá de adopción desde 2010, é guionista, directora de arte, produtora e directora. Formada en Madrid, Praga e Múnic, e relacionada co Novo Cinema Galego, fundou a produtora independente Esnatu Zinema. Traballou como directora de arte en filmes como Encallados (2013), Os fenómenos (2014) ou Ons (2020). A súa primeira longametraxe, Arima (2020), recibiu o premio á mellor dirección en Nuevas Olas no Festival de Sevilla e o Premio á mellor película no IX Festival Márgenes de Madrid. Co seu segundo filme, O Corno (2023), obtivo a Cuncha de Ouro do Festival de Donostia.

Jairo Iglesias

Compostelán que estudou Imaxe e Realización audiovisual e espectáculos na Escola de Imaxe e Son da Coruña e é o director máis novo en gañar un Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual. Realizou a súa primeira montaxe dixital con 15 anos, cando estudaba no colexio La Salle, momento no que comeza o seu interese polo cinema. En 2005 roda a curtametraxe Retrato xunto co actor Tamar Novas e reúne no equipo a recoñecidos actores e actrices como María Castro, Sara Casasnovas, César Goldi, Estíbaliz Veiga e Sergio Suárez. A súa andaina no audiovisual comeza como director de curtas, documentais e videoclips, pero actualmente tamén traballa como editor e colorista, onde destaca o seu traballo como cámara e colorista para o filme Dhogs (2016). Ademais está especializado como realizador en publicidade, creando contidos sobre viaxes, cultura e tradición como vemos en El capricho (2018) ou en Medalla de Galicia aos profesionais sanitarios (2020), entre outros.

Javi Camino

Javi Camino

Director

Nado en Compostela, é director de cinema gore e apaixonado ao audiovisual desde cativo. Estudou produción audiovisual e ciencias da comunicación, despois de pasar polas aulas de psicoloxía e xornalismo. Comezou a súa andaina no mundo do audiovisual gravando curtametraxes, sendo La consulta del dr Natalio (2004) a súa primeira peza e no 2008 presenta a súa primeira longametraxe, ¡Maldito Bastardo!, filme de terror e comedia protagonizado por Juanillo Esteban, Pilar Miguélez e Tamar Novas. Ao longo da súa traxectoria profesional fundou a compañía de produción audiovisual Magnetova Entertainment, dirixiu webseries, videoclips, curtas e longametraxes, sempre baixo ese punto de vista entre humor e terror, aínda que no 2019 sorprende con Nación de Muchachos: Utopía o muerte, un documental sobre a historia de Benposta. En 2021 estreou a longametraxe Jacinto.

Jesús Estévez

Jesús Estévez

Xornalista

Aínda que de neno quería ser músico, comezou dende ben novo a traballar no mundo xornalístico, chegando a ser cronista cinematográfico nos anos 60. O seu primeiro traballo foi como pinche no xornal El Compostelano, e que posteriormente adoptará o nome de La Noche. Múdase a Madrid co traslado da editorial do xornal a esta cidade e alí pasa a redactar crónicas deportivas. Asentado en Madrid, acudía asiduamente a Galiza e en 1959 aproveita unha das súas estadías para intentar promover un novidoso proxecto cinematográfico na súa Compostela natal: unha Semana do cine, cunha programación moi ambiciosa, que non chegou a celebrarse. Non obstante, serviu para que o compostelán comezase a súa andaina como xornalista cinematográfico. As súas reportaxes non destacaban en calidade pero as chamativas fotografías do xornalista con recoñecidos actores e actrices dos anos 60 que acompañaban as súas publicacións, caracterizaron o seu traballo.

José Gil Gil

José Gil Gil

Fotógrafo e director

Considerada a figura máis relevante do cinema galego entre os pioneiros do primeiro terzo do século XX, xa que as súas obras documentais son unhas das mellores fontes para coñecer a Galiza da época. En 1907 comezou a realizar filmes, primeiro simplemente para darlle publicidade ao seu estudo fotográfico, para despois facer filmes documentais centrados en Vigo. En 1910 gravou a perdida Santiago, la Atenas de Occidente, a primeira gravación feita en Santiago da que se ten noticia. Ademais, foi o inventor do cinema de correspondencia, xa que entendía a importancia das imaxes como correo visual entre Galiza e a emigración. Tamén foi o primeiro que filmou unha película de ficción en Galiza, Miss Ledya (1916), filmado na illa da Toxa. En 1922 fundou a produtora Galicia Cinegráfica, que a partir de 1929 realizou o noticiario cinematográfico Revista de Galicia.

José Luís Losa

José Luís Losa

Xornalista e crítico cinematográfico

Xornalista especializado na crítica cinematográfica, é ademais fundador e director do festival Cineuropa, que se celebra anualmente no mes de novembro en Santiago desde 1987. Traballou para medios como La Voz de Galicia , Xornal de Galicia ou para o Grupo Correo Gallego e colaborou coa Cadena Ser e con Antena 3 Radio. Publicou o ensaio/novela Caza de Rojos (2005) e como teórico de cine é autor do ensaio O fantástico: oito prismas (1998), reflexión sobre as sociedades utópicas no cinema, editado polo Centro Galego de Arte Contemporánea, e de Robert Aldrich: o voo do fénix. Foi membro do xurado de varios festivais, como o 32º Jerusalem Film Festival, o 35º International Festival of New Latin American Cinema ou o 62º Festival de San Sebastian.

Luís Tosar

Nado en Lugo, comezou como actor en obras de teatro e curtametraxes na cidade compostelá, onde viviu boa parte da súa vida e onde actuou múltiplas veces, como na recente La sombra de la ley (2018) ou en 18 comidas (2010). Adquiriu un gran recoñecemento pola súa participación na serie de televisión Mareas Vivas. Ao longo da súa extensa traxectoria traballou con prestixiosos directores internacionais e foi premiado en numerosas ocasións, acadando, entre outros, tres premios Goya como mellor actor no 2002 por Te doy mis ojos, mellor actor de elenco no 2003 por Los lunes al sol e mellor actor protagonista no 2009 por Celda 211. En 2007 creou en Santiago a produtora independente Zircozine. En 2013 codirixiu o documental Cambia de papel, con María Reimóndez e Kutti Revathi, colaboración coa ONG Implicadas No Desenvolvemento.

Luis Zahera

Nado en Compostela, dispón dunha longa traxectoria en televisión, cinema e teatro. Ten participado en numerosas producións audiovisuais, non obstante, deuse a coñecer polo seu papel como Petróleo na exitosa serie de televisión Mareas vivas. Na gran pantalla, cómpre destacar o seu traballo en filmes como Concursante (2007), O ano da carracha (2004) e Celda 211 (2009), cos que gañou un premio Mestre Mateo ao mellor actor secundario, e tamén o filme Todo é silencio (2012), co que logrou o seu cuarto Mestre Mateo, desta volta como mellor actor. Ademais destes premios tamén foi galardoado con diversos recoñecementos pola súa traxectoria, acadando no ano 2019 o Goya ao mellor actor secundario polo seu papel en El reino (2018).

Mabel Rivera

Licenciada en Filoloxía Inglesa pola USC, especializouse en Arte Dramática. Aínda que naceu en Ferrol, pasou boa parte da súa vida en Compostela. É actriz de teatro desde 1984 e comezou a traballar no audiovisual con José Luís Cuerda en El bosque animado (1987). Aínda que traballa en diversas producións para a TVE e a TVG nos anos 80, dáse a coñecer na década de 1990 como protagonista de Pratos Combinados. Conseguiu, entre outros, o Premio Goya á Mellor actriz secundaria con Mar adentro (2004). Participou en diversas rodaxes na nosa cidade, como Arima (2019), Inevitable (2013) ou Lobos de Arga (2011). Tamén traballou en publicidade, como presentadora, axudante de dirección, actriz de dobraxe e produciu, xunto ao director de fotografía e realizador de televisión Enrique Banet diversos documentais.

Manuel Cortés

Manuel Cortés

Actor e escritor

Actor, escritor, poeta, guionista e letrista musical, a súa traxectoria non se entende sen falar do espazo da Sala Nasa e da compañía Chévere, á que se incorporou en 1992. Ademais de actor de teatro, tamén ten unha fonda traxectoria no mundo audiovisual. Foi actor protagonista na serie As leis de Celavella e tamén actuou noutras series televisivas como Pepe o Inglés, O sabor das margaridas ou Auga Seca. No mundo do cinema interpretou papeis en Sinbad (2011), O ouro do Tempo (2011) ou máis recentemente Cuñados (2021), entre outros. Como escritor ten participado na escrita de moitas obras teatrais e de televisión, ademais de ter publicados dous libros de poesía: A rutina é o deber de todas as criaturas (1997) e Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados (co colectivo Ronseltz, 1994).

Manuel Lozano

Compostelán elixido para ser o protagonista do filme A lingua das bolboretas (1999), adaptación cinematográfica de José Luis Cuerda de relatos de Manuel Rivas. Tras a súa actuación e con tan só nove anos, o compostelán foi nomeado aos Premios Goya como mellor actor revelación, e aí comezou a súa carreira no mundo da interpretación. Desde entón, participou en numerosas longametraxes como Mia Sarah (2006), Somos xente honrada (2013) ou Eres mi héroe (2003), pola que logrou o Premio do Xurado ao Mellor Actor no Fort Lauderdale International Film Festival. Ademais, tamén actuou en distintas curtametraxes e series de televisión, onde destaca a serie xuvenil Nada es para siempre, co seu papel fixo interpretando a Dani.

Margarita Ledo Andión

Margarita Ledo Andión

Cineasta e investigadora

Licenciouse en Xornalismo en Barcelona, onde foi profesora na Universidade Autónoma. A partir de 1991 traballa na Facultade de Ciencias da Información da USC, onde exerce como catedrática de Ciencias da Educación. Como xornalista, foi directora do xornal A Nosa Terra e fixo numerosas investigacións sobre a prensa galega. Tamén dirixe o Observatorio do Audiovisual Galego e pertence á Federación Lusófona de Ciencias da Comunicación (LUSOCOM) e á Asociación Galega de Investigación en Comunicación (AGACOM). Estréase como directora coa longametraxe documental Santa Liberdade (2004) e, despois de obras como A cicatriz branca (2004), en 2020 estreou Nación. En 2008 recibiu o Premio Nacional de Cine e Audiovisual, correspondente aos Premios Nacionais da Cultura Galega; en 2009 levou o Premio Cineuropa e tamén ingresa na Real Academia Galega e en 2018 leva o Premio Otero Pedrayo.

María Carballeira Fariña

Nada en Monfero, formouse en xornalismo e filoloxía clásica na USC e desde a súa etapa de estudante, continúa vivindo na cidade. Mestura temas técnicos e historias de humor e amor, como podemos ver no seu currículo, que vai desde redactora de programas como O Agro e Labranza para a Televisión de Galicia até guionista e produtora de O sal da terra (Nadir/Zenit Producciones), pasando por reporteira para Vaia troula (Setemedia Producciones).

María Vázquez

Aínda que é natural de Vigo, a vida de María Vázquez pasou por diversos lugares. Criouse en Carballedo, estudou en Ourense, trasladouse a Madrid para estudar ballet despois do bacharelato e rematou por afincarse en Compostela. En Madrid estudou ballet e posteriormente inscribiuse na escola de actores Corazza, comezando a súa traxectoria profesional a finais dos 90 como actriz secundaria na serie de Al salir de clase. Na pequena pantalla actuou en series de TVE, Antena 3, Telecinco e da TVG como Fíos, Padre Casares ou Néboa, entre outras. Tamén ten presenza en longametraxes, entre as que nomeamos O ano da carracha (2004), María (e os demais) (2016) e Quen a ferro mata (2020), aínda que a súa primeira aparición fílmica foi de figurante en Sempre Xonxa (1989) sendo moi pequena. O seu traballo foi premiado con catro Mestre Mateo, e tamén foi nomeada a un Goya pola película Mataharis de Icíar Bollaín.

Melania Cruz

Comezou facendo teatro afeccionado desde nena na súa cidade natal, Lugo, e chegou a converterse nunha actriz de teatro, cinema e televisión cunha importante traxectoria. Estudou interpretación na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, cursou un mestrado de Pedagoxía e Animación Teatral e actualmente vive na capital galega. En 2012 fundou, xunto a catro compañeiros, ilMaquinario Teatro, compañía coa participou en numerosos festivais internacionais e que recibiu diversos recoñecementos. E en 2016 emprendeu, con Tito Asorey o proxecto teatral A quinta do cuadrante. En recoñecemento ao seu traballo no teatro gañou o premio María Casares 2016 á mellor actriz protagonista pola súa interpretación en Xardín suspenso. Como actriz de cinema traballou en diversos filmes e foi galardoada dúas veces co Mestre Mateo a mellor actriz pola súa interpretación protagonista en Dhogs (2017) e en Ons (2020). Ademais foi nomeada a esta categoría pola súa interpretación de Rosalía de Castro en Contou Rosalía (2018). Tamén conseguiu o premio Mestre Mateo a mellor actriz secundaria por Trote (2019). Ademais, formou parte do reparto de series como Urxencia Cero, Viradeira ou A estiba, entre outras.

Miguel de Lira

É un dos actores máis recoñecidos en Galiza e, desde os seus comezos no mundo do interpretación, está vinculado ao mundo do teatro, sendo membro fundador do Grupo Chévere en 1987 e participando na creación da Sala NASA en 1992. Ademais de actor de teatro, en 1989 comezou a súa traxectoria como actor televisivo, debutando no programa de humor Velaí… e ese mesmo ano tamén actuou para a gran pantalla no filme Urxa , non obstante, será a partir de 1999 cando adquira unha gran popularidade en Galiza co seu papel de Evaristo Currás en Mareas Vivas. Ao longo da súa traxectoria atopamos numerosas interpretacións no mundo audiovisual, en curtametraxes, televisión e cinema, onde destacan os seus papeis en Crebinsky (2010), Somos xente honrada (2013) e Eroski Paraíso (2020), cos que foi galardoado co Premio Mestre Mateo ao mellor actor protagonista. Ademais da súa actividade teatral e audiovisual como actor, ten participado en tarefas de interpretación, guión, dirección e produción.

Mónica García Pérez

Actriz nada en Luarca (Asturias), pero que pasou unha parte da súa vida vivindo en Compostela, onde se formou nun Postgrao en Arte Dramática; Teoría e Practica da Interpretación. Actualmente forma parte da compañía teatral Chévere e conta cunha longa traxectoria no mundo do teatro, sendo a actriz que máis veces recibiu o Premio María Casares á mellor actriz secundaria por Bailando en verán (1997), Os espectros (2003) e Citizen (2012). Tamén ten unha ampla experiencia no mundo do audiovisual, tanto en cinema como en televisión. Actuou en filmes como Sé quien eres (1999), Los lunes al sol (2002) ou A esmorga (2014), entre outros, aínda que destacan especialmente os seus papeis nas series da TVG Valderrei e Pratos combinados, por cuxo papel foi nomeada a mellor actriz secundaria nos Mestre Mateo do ano 2002.

Monti Castiñeiras

Nado Compostela, é un actor con gran traxectoria profesional. Aínda que estudou Filoloxía Inglesa e Maxisterio, a súa vida laboral pasou polo traballo en cinema, teatro, televisión e publicidade. Formouse en interpretación, danza, expresión corporal, ortofonía, dicción, canto, voz, narración oral etc. e desenvolveu boa parte da súa carreira en Galiza, tanto en curtametraxes coma en longametraxes. Tamén ten unha ampla aparición en televisión, principalmente en series da TVG como Mareas vivas, Libro de familia ou Serramoura coa que gañou un Mestre Mateo a mellor actor secundario en 2016. Ademais, fixo aparicións puntuais noutras series estatais como Un paso adelante ou Fariña, entre outras.
Ademais de actor da gran pantalla, tamén é actor de dobraxe e actor de teatro, e produciu o espectáculo teatral, Borracheira de paixón.

Nati Juncal

Nati Juncal

Actriz e produtora

Cursou estudos universitarios en lingua, literatura e cultura inglesa pero continuou a súa andaina formándose en produción de cinema e televisión. Cunha longa experiencia no mundo audiovisual, en 2018 crea, xunto a Sonia Méndez, Cósmica Producións, aínda que levan colaborando e producindo xuntas desde 2007. As súas producións exploran o universo feminino desde diferentes posicionamentos estéticos, puntos de vista, problemáticas, roles e xéneros. Entre as súas producións máis recentes cómpre destacar a web serie Antes de perder (2019) e o filme documental A poeta analfabeta (2020), que trata sobre a vida de Luz Fandiño.

Nerea Barros

Esta actriz compostelá comezou no mundo audiovisual con 16 anos no filme Nena (1997). Durante moitos anos compaxinou o seu labor de enfermeira de pediatría no CHUS co traballo de actriz en pequenos papeis de cinema e teatro. O seu primeiro papel relevante foi no 2009 na serie de televisión Matalobos, aínda que tamén cómpre destacar a súa participación en series como El tiempo entre costuras ou O sabor das margaridas. No mundo do cinema tamén conta cunha longa traxectoria e a súa carreira ten un punto de inflexión no ano 2014, xa que conseguiu un Premio Goya á mellor actriz revelación por La isla mínima. Participou en diversas rodaxes en Compostela, como A estación violenta (2017), Sol y Luna (2019) ou Belas dormentes (2001).

Nico Campos

Nico Campos

Guionista

Nado en Santiago, é técnico superior en Realización de Espectáculos e Audiovisuais pola Escola de Imaxe e Son de Vigo, e dirixiu a súa carreira audiovisual ao mundo do guión. En 2001 comezou a súa andaina no mundo do audiovisual e guionizou e dirixiu as curtas Yo seré estrella del rock e El diablo me hizo hacerlo. Da súa extensa traxectoria podemos destacar o traballo como guionista para diferentes curtametraxes, documentais e programas da TVG, aínda que tamén ten experiencia como cámara e montador. Ademais, levou a cabo diferentes labores para Localia Televisión Santiago e foi axudante de realización en numerosos videoclips, así como guionista de radio e teatro. Foi o confundador da produtora RB Producción. Gañou diversos premios.

Pablo Cayuela

Pablo Cayuela

Realizador, director de fotografía e montador

Nado en Madrid e afincado en Compostela, é o responsábel de vídeo do Laboratorio NUMAX e forma parte do Cineclube de Compostela, onde realiza labores de programador e editor de vídeo. Ademais, colabora en revistas especializadas como Blogs&Docs, Lumière ou A Cuarta Parede. É realizador, director de fotografía titulado polo CECC (Barcelona) e montador de vídeo independente. Traballou, entre outros, como director de fotografía e operador de cámara de A cicatriz branca (Margarita Ledo, 2012), así como na edición de Galicia 1936-2011. Estudos sobre o filme de Carlos Velo (2011) con Ramiro Ledo. A súa primeira longametraxe documental, Fóra (2012), codirixida con Xan Gómez Viñas, está rodada en Santiago.

Patricia de Lorenzo

Con grande vinculación con Santiago, forma parte da compañía Chévere desde 1994. Ao longo da súa traxectoria profesional traballou en diferentes disciplinas como teatro, música, dobraxe e audiovisual. Actuou en curtametraxes como As xoias da Señora Bianconero (1994) e filmes como Crebinsky (2009) ou Eroski Paraíso (2019), sendo este último polo que recibiu o Premio Mestre Mateo á mellor actriz polo seu papel protagonista. Ademais deste premio, ten numerosos recoñecementos polo seu labor no mundo do teatro como o Premio Xoglaresa de Outono 2019 concedido polo FIOT de Carballo pola traxectoria artística, o Premio Mellor Actriz Protagonista FETEGA, O Carballiño por Eroski Paraíso, 2018 e dous Premios María Casares Mellor Actriz Protagonista, en 2017 por Eroski Paraíso e en 2012 por Citizen.

Patricia Vázquez

Nada en Compostela, é unha actriz cunha fonda experiencia teatral. Actuou con compañías como o Centro Dramático Galego, Escola Dramática Galega, Ollomol Tranvía ou Teatro da Lúa; e, en 2005, fundou con Nuria Sanz a compañía dramática Sapristi. Non obstante, tamén realizou multitude de traballos no eido audiovisual. No cinema actuou en Blanca Madison (2000) e Os fenómenos (2014). Aínda que é coñecida polos seus papeis en diferentes series da TVG: Sabela Muíños nas últimas tempadas de Mareas vivas, Lidia  en Padre Casares e Elvira en Era visto! . Ademais participou en diversos programas da mesma canle como LuarApaga a luz, O rei da comediaO show dos Tonechos, etc.

Pela del Álamo

Pela del Álamo

Produtor e director

Licenciado en Comunicación Audiovisual, fixo un mestrado en Documental de Creación pola Universidade Pompeu-Fabra. En 2005 crea Diplodocus Producións e combina esta actividade con proxectos propios de cine documental. A súa traxectoria sempre estivo vinculada ao audiovisual e, baixo diferentes labores, colaborou na rodaxe de filmes como Galatasaray-Depor (2005) ou Somne (2005). A súa primeira experiencia como director foi co documental A cuarta pista (2006), sobre o fenómeno do Novo Circo. E en 2012 estrea N-VI, longametraxe que retrata a vella estrada entre Galiza e Madrid, documental que o levou a lograr recoñecementos en diversos festivais. Ademais, participa no laboratorio El retrato filmado, organizado polo festival Play-Doc e, desde 2013 dirixe o Curtocircuíto.

Pilar Pereira Carballo

Consolidada actriz compostelá, falecida en 2020, que destacaba na súa traxectoria teatral, pero que tamén conta cun gran recoñecemento polas súas actuacións en cine e televisión. Os seus comezos no mundo da interpretación foron nos anos 50, participando en montaxes teatrais con textos contemporáneos. En 1958 participou na Antígona de Jean Anouilh, a primeira obra en galego do Teatro Español Universitario de Santiago. Despois de viaxar por diferentes partes do mundo con diferentes compañías, instalouse definitivamente en Galiza nos anos 90 e creou unha compañía teatral con espectáculos propios como Un lunar vermello con pinguiñas azuis, dirixida por Quico Cadaval. Entre os seus traballos no mundo da televisión destacan os seus papeis en Mareas Vivas, Rías Baixas ou A Familia Pita. No cinema, realizou películas como Rafael (2008), Nena (1997) ou León y Olvido (2004) co cineasta Xavier Bermúdez.

Ramiro Ledo

Ramiro Ledo

Xornalista e director

Estudou Xornalismo na USC e, aínda que anos despois se mudou a Barcelona, regresou a Compostela. Tamén realizou un mestrado de documental creativo e se formou en Estudos sobre cinema contemporáneo. En 2014 foi socio fundador de NUMAX. É confundador e director do Cineclube de Compostela até 2007 e de tres números de Ariel, boletín de cinema en galego. Ten colaborado en distintos medios, entre eles a Radio Galega, Xornal de Galicia, Blogsandocs e Asociación Lumière. Ademais catalogou o arquivo histórico audiovisual de TVE-Galicia. No 2005 participou no filme colectivo titulado Hai que botalos e dirixiu o documental CCCV. Cineclube Carlos Varela. Tamén realizou a curtametraxe O proceso de Artaud (2010) e o filme VidaExtra (2013). Ademais de realizar a montaxe de Entre linguas (2009) e A cicatriz branca (Margarita Ledo, 2012). En 2020 recibiu o premio ao empresario do año dos Europa Cinema Awards, como director e programador da sala Dúplex, en Ferrol.

Raúl Veiga Rouriz

Raúl Veiga Rouriz

Director e guionista

Natural de Santiago de Compostela, o seu nome real é Manuel Castelao. Deuse a coñecer escribindo o vídeo Veneno puro (1984), gañador de varios premios internacionais, e o seu paso á gran pantalla foi co guión da longametraxe Continental (1989). Foi axudante de dirección e en 1994 dedicouse en exclusiva a dirixir os seus propios guións, sendo A metade da vida (1994) a súa primeira produción e a única longametraxe rodada en galego nos anos 90. Tamén escribiu e dirixiu algunha curtametraxe El médico seriamente enfermo (2014) e é autor do guión da mini-serie Contou Rosalía (2018), ao redor da obra e da vida de Rosalía de Castro. Ademais, fixo crítica cinematográfica e análise de filmes (do que resultou o libro Esta noite no cinema (2005). Foi membro do xurado de varios festivais internacionais.

Roberto Vidal Bolaño

Roberto Vidal Bolaño

Escritor, actor e director de teatro

Homenaxeado polo Día das Letras Galegas en 2013 polo seu labor pioneiro na dramaturxia profesional en Galiza, naceu no barrio compostelán de Vista Alegre, e finou na mesma cidade no ano 2002. No mundo do teatro desenvolveu diferentes tarefas como director, escritor, actor e iluminador, chegando a escribir máis de 30 obras e realizar numerosas actuacións. Foi un dos líderes do Grupo Antroido, a primeira compañía teatral galega profesional e recibiu numerosos recoñecementos polo seu traballo como o premio Abrente, o premio Álvaro Cunqueiro, o Rafael Dieste, o Eixo Atlántico e o Tirso de Molina, entre outros. Aínda que a súa faceta no mundo audiovisual é máis descoñecida, Vidal Bolaño axudou nos comezos do audiovisual galego e actuou en diferentes filmes como en Sempre Xonxa (1989) ou A noiva de medianoite (1997), e tamén en series de televisión como Os outros feirantes ou Un mundo de historias, onde tamén tivo o labor de guionista. Ademais, actuou en varias curtametraxes e foi director da curtametraxe Morosos (1990).

Sabela Arán

Actriz compostelá, licenciada en Comunicación Audiovisual, na especialidade en Guión e Dirección e conta cun mestrado de Actuación Cinematográfica e TV, así como de estudos de dobraxe. As súa primeiras aparicións no mundo audiovisual son como actriz de curtametraxes e series web, ata que no ano 2021 fai a súa aparición na gran pantalla de man de Ignacio Vilar con Vilamor (2012), actuación coa que consegue un premio Mestre Mateo á mellor actriz protagonista. Nese mesmo ano comeza a traballar na serie Matalobos e actualmente conta cunha gran experiencia interpretativa en cinema e televisión, onde destaca o seu papel como actriz secundaria en A esmorga (2014) e como actriz principal na serie da TVG Viradeira.

Sonia Méndez

Sonia Méndez

Directora, produtora, guionista e actriz

Con ampla experiencia teatral e cinematográfica. Desde os seus comezos como actriz no teatro e na serie Rías Baixas (1999), até o seu recente labor como directora e guionista na longametraxe documental A poeta analfabeta (2020), transcorren máis de vinte anos de intensa actividade. E non se detén aí, debemos engadir ademais ao seu currículo que dirixe desde 2014 o Carballo Interplay, que en 2018 creou, xunto a Nati Juncal, a empresa Cósmica Producións e que en 2019 foi a directora da gala dos XVII Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual. Forma ademais parte da Asociación de Directores e Directoras de Galicia (CREA), do Observatorio Audiovisual de Galicia e da Academia Galega do Audiovisual.

Suso de Toro

Suso de Toro

Escritor

Licenciado en Arte Moderna e Contemporánea pola USC, é hoxe un recoñecido escritor compostelán, que publicou máis de vinte libros entre narrativa, teatro e ensaio. Tamén é mestre de secundaria, guionista para televisión e colaborador habitual na prensa e na radio. A súa obra conta cun gran recoñecemento internacional, foi traducida a varias linguas e obxecto de estudo en diversas universidades europeas. A súa novela Trece Badaladas (2002), ambientada en Santiago, gañou o Premio Nacional de Narrativa de España e foi levada ao cine por Xavier Villaverde, gañando dous Premios Mestre Mateo. Polaroid (1986), Premio da crítica de Galiza, tamén foi adaptada ao mundo do audiovisual en 2013 de man de Chema Montero, que realizou unha curtametraxe baixo o título Polaroid. Nada pola mañá.

Tamar Novas

Nado en Compostela, Tamar Novas é un recoñecido actor, que tivo a súa primeira experiencia fílmica con 11 anos, ao actuar na película A lingua das bolboretas (1999). Tamén actuou en filmes como Elisa y Marcela (2019) ou Mar adentro (2004), co que conseguiu un Premio Goya ao Mellor Actor Revelación e o premio da Unión de Actores na mesma categoría. No seu currículo tamén destaca un amplo percorrido no mundo da televisión formando parte do elenco de diversas series como a recentemente estreada El desorden que dejas (2020), así como breves aparicións en populares series como Siete Vidas, entre outras.

Xacio Baño

Xacio Baño

Director e realizador

Naceu en Xove (Lugo) e matriculouse en Enxeñaría Industrial en Madrid pero decidiu abandonar a carreira e mudarse a León para estudar cinematografía. Á súa volta a Galiza, instalouse na capital galega, onde reside actualmente. A súa traxectoria profesional sempre estivo vinculada co mundo do audiovisual e traballou en diferentes proxectos antes de comezar a súa carreira como director. Debutou con Quentefrío (2009) e logo escribiu, dirixiu e produciu varias curtametraxes máis como Anacos (2011), coa que acadou numerosos recoñecementos internacionais (Clermont-Ferrand, Taiwán, Chile, Alemaña, gañou nas Palmas, Málaga, Albacete ou no Shnit Film Festival en Suíza). Tamén dirixiu algúns capítulos da serie web Angélica e Roberta. En 2018 deu o salto á gran pantalla coa súa primeira longametraxe, Trote, que recibiu 14 nomeamentos nos Premios Mestre Mateo 2018, gañando cinco, entre os que destaca o de mellor guión, que compartiu con Diego Ameixeiras.

Xan Gómez Viñas

Licenciado en Xornalismo, obtivo o Diploma de Estudos Avanzados cun traballo de investigación arredor da cineasta Helena Lumbreras e doutorouse en 2015 coa tese Do amateur ao militante: implicacións políticas e estéticas do cinema en formato non profesional na Galiza dos anos 70. Actualmente é socio traballador de NUMAX e periodicamente publica crítica cinematográfica en medios especializados como A Cuarta Parede, A Trabe de Ouro, Ariel. Boletín de cinema en galego, entre outros. Non só se interesa polo mundo da palabra, senón que no mundo da imaxe dirixiu, xunto Pablo Cayuela, o documental Fóra (2012), rodado en Compostela.

Xosé Barato

Comezou no mundo da interpretación sendo un adolescente e participando no Sardiña, un coñecido grupo de teatro para estudantes. Viviu a súa etapa universitaria en Compostela, onde cofundou o grupo Teatro Barato, co que fixo numerosas montaxes. No 2005 comezou a súa andaina televisiva e, desde aquela, ten participado en series como Os Atlánticos, Matalobos ou El secreto de Puente Viejo, entre outras. Tamén ten presenza na televisión como presentador, logrando dous Premios Mestre Mateo a mellor comunicador por Historias de Galicia (2007) e por A nosa familia (2009). No cinema e actuou en filmes como A mariñeira (2007) ou 18 comidas (2010), ademais de participar en numerosas curtametraxes, entre as que destaca Neken (1999), de Alfonso R. Molares, coa que debutou no audiovisual. En 2021 foi escollido presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galiza.

Xosé Manuel Olveira, Pico

Gañador de dous premios Mestre Mateo á mellor interpretación masculina secundaria por Os mortos van á présa en 2009, repetiu en 2010 pola súa interpretación en Retornos; tamén recibiu catro premios María Casares de teatro. Aínda que é natural de Muros, pasou boa parte da súa vida en Compostela, onde faleceu en 2013. Comezou como actor de teatro en 1972 participando en numerosas obras, non obstante, as súas aparicións televisivas non son menos importantes, entre as que destacamos as series de Mareas vivas, Pratos combinados ou Padre Casares. No mundo do cinema tamén ten unha gran bagaxe e destaca a súa presenza en filmes como Sempre Xonxa (1989), Blanca Madison (1998), Mar adentro (2004) ou Os xirasois cegos (2004), entre outras. Ademais, entre 2009 e 2011 foi o presidente da Academia Galega do Audiovisual.