Saltar ao contido

Industria cinematográfica en Compostela

    A creación, produción e distribución de traballos cinematográficos é unha grande fonte de recursos económicos, xa que, a industria audiovisual é un dos principais atractivos culturais e de lecer para a sociedade, sendo Hollywood a industria cinematográfica máis grande do mundo. A industria audiovisual, ademais, é fonte de información e de transmisión de valores, actuando como reflexo da sociedade de cada época ou momento histórico, tal como podemos ver ao estudar a historia do cinemas e a evolución de acontecementos históricos.

    O que arde (Óliver Laxe, 2019)

    O sector audiovisual do Estado español foi medrando paulatinamente e, na actualidade, xera un grande volume de emprego, consolidándose como unha industria en auxe, cun amplo abano en canto a temas, estilos e xéneros. No caso galego, a industria cinematográfica tamén está nun momento de apoxeo e experimenta un crecemento notable a partir dos anos 90, que vén da man da profesionalización e a innovación tecnolóxica. Se ben é certo que o sector audiovisual galego está en pleno crecemento, a precariedade laboral continúa a estar moi patente e hai moitas dificultades de financiamento e escaso apoio económico.

    Pese a todo, estamos ante un sector moi vivo, con creadoras e creadores profesionais de grande madurez creativa que teñen un xeito propio de contar as historias e que levan a cabo obras moi interesantes, acadando amplo recoñecemento do público e de festivais internacionais. Un bo exemplo é O que arde (2019) de Óliver Laxe, estreado no Festival de Cannes, onde gañou o seu primeiro premio dunha longa lista. Ademais, foi o filme en galego que logrou maior recadación e o máis visto da historia do cinema galego.

    Arima (Jaione Camborda, 2019)

    Na cidade de Compostela tamén se rodaron filmes que lograron recoñecemento, como A vía láctea (Luis Buñuel, 1969) e, pola nosa cidade pasaron coñecidos directores como Michael Powell, Stanley Kramer ou Pedro Almodóvar, que elixiron Compostela de escenario para algúns dos seus filmes. Mais aquí non só se rodaron filmes, senón todo tipo de producións audiovisuais como documentais, curtametraxes, series, etc.

    18 comidas (Jorge Coira, 2010)

    Cómpre tamén mencionar algunhas longametraxes galegas rodadas en Compostela, como a multipremiada 18 comidas (Jorge Coira, 2010) ou Arima (Jaione Camborda, 2019), entre moitas outras. Así como tamén hai filmes de grande recoñecemento, que conseguiron importantes galardóns a nivel internacional, feitos por directoras e directores composteláns, por exemplo Ons (2020) de Alfonso Zarauza, Trote (2018) de Xacio Baño ou Eles transportan a morte (2021) da compostelá Helena Girón e o seu socio Samuel M. Delgado.

    Esta viaxe dos filmes galegos a festivais e certames cinematográficos de todo o mundo, supón unha importante proxección exterior que retorna nunha imaxe de marca forte e positiva ao redor de Galiza e a súa capacidade creativa. Desta forma, as produtoras galegas vanse abrindo camiño nun marco internacional, o que promove a creación e incrementa o número de produtoras independentes en Galiza nas últimas décadas como Fílmika Galaica (2009) ou Sétima (2018). No caso compostelán atopamos, entre outras, a Esnatu Zinema (2011), Illa Bufarda (2012), Frida Films (2008) ou Cósmica Producións (2018), esta última creada por Sonia Méndez e Nati Juncal.

    Biografía de Nati Juncal en compostelafilmada.gal

    As coproducións tamén van gañando terreo. En boa parte, debido ás fórmulas de financiamento actuais, que incentivan a proxección cara o exterior, buscando a participación en producións internacionais, o que o aumenta as posibilidades de comercialización e difusión.

    Á hora de falar sobre distribución e proxección, debemos ter en conta como as novas formas de ocio e consumo fan que as salas históricas vaian pechando co tempo e na década dos 90 as grandes compañías de cine se instalen nas aforas e centros comerciais. Hoxe en día, tamén inflúe notablemente a crecente presenza das compañías de vídeo á demanda e o desenvolvemento de liñas de produción de contidos propios promove unha cultura audiovisual de consumo desde os nosos fogares, o que limita a chegada de filmes ás salas de cine convencionais.

    Atalante, distribuidora de cinema independente

    Non obstante, tamén se foron creando pequenas distribuidoras que contrarrestan esta idea e buscan unha alternativa con programación independente como o caso de Atalante, que se caracteriza por un coidado traballo de selección, cun número limitado de títulos estreados cada tempada de todos os xéneros.

    Esta distribuidora, inicialmente chamada Numax Distribución, naceu en relación ao espazo compostelán Numax e baixo o obxectivo de traer ao noso país cine independente e de autor contemporáneo con vocación internacional, liña de traballo coa que continúa na actualidade. Un traballo vinculado ás salas de cinema independentes, como Duplex Cinema (Ferrol) ou Multicines Norte (Vigo), que apostan por unha programación fílmica alternativa e que actúan como espazos culturais e sociais, contribuíndo a crear novos hábitos e a enriquecer ás comunidades locais, unha vez integradas na cidade.En Compostela podemos atopar os Multicines Compostela e, a xa mencionada, sala Numax, unha cooperativa inaugurada no 2015 como a única sala en Galiza con versión orixinal subtitulada, naquel momento. Este espazo, ademais de contar cunha sala de cinema, ten libraría e laboratorio de deseño e vídeo. E a súa programación, ademais de filmes, inclúe actividades como presentacións de libros e discos relacionados coa programación cinematográfica e ofrece a posibilidade de tomar un café antes (ou despois) da proxección.

    Numax, sala de cinema, libraría e laboratorio de deseño e vídeo.

    Este modelo de cinema independente convive coas salas de cine históricas que sobreviviron ao tempo adaptándose á dixitalización e tamén cos máis recentes multicines de cinema comercial relacionados con multinacionais como Yelmo ou Cinesa, atendendo a todo tipo de públicos e demandas cinematográficas.

    Actualmente, só atopamos 3 espazos de proxección abertos en Compostela e podemos ver cine en Numax, Multicines Compostela e Cinesa As Cancelas. Non obstante, nos anos 50, a cidade chegou a ter 6 salas de exhibición funcionando, o que nos deixa ver unha crise de espectadores que comezou derivada da extensión da televisión, o vídeo, o dvd e, posteriormente, o apoxeo das descargas pola internet, onde as salas de cine tiveron que reformularse para atraer espectadores. Hoxe en día, a chegada das plataformas dixitais tamén é unha dura competencia para os cinemas, mais a experiencia fílmica segue sendo atractiva para un gran número de espectadores, grazas ao traballo das salas de cinema, máis intenso en canto á programación e creación de públicos.

    A vinculación entre Compostela e o cinema é infinita e a industria audiovisual ten, cada vez maior cabida na nosa cidade, tal como mostran iniciativas como a oficina de promoción audiovisual da Santiago de Compostela Film Commission. Unha oficina que nace, promovida polo Concello de Santiago de Compostela, no ano 2002 co obxectivo de promover a cidade a través do fomento da cultura da imaxe, e de estimular e consolidar a industria cinematográfica e audiovisual e todos os servizos que dela se derivan.

    Gravando en Compostela (imaxe da Compostela Film Commission)
    Etiquetas:

    Deixar unha resposta