Saltar ao contido

Entrevista á Illa Bufarda

    A produtora creativa Illa Bufarda é unha empresa que naceu en Compostela en 2012. Como indican na súa web, o seu nome “fai referencia ás pequenas xanelas das tradicionais construcións galegas polas que se filtran os raios de luz: as bufardas, a través das cales podemos encadrar historias, imaxes, paisaxes e un sen fin de realidades e ficcións“.

    Nestes nove anos de traxectoria, regaláronnos múltiplos traballos audiovisuais, que van do documental Isaac, editor da memoria (2012), con presenza de Compostela, a Fíos Fóra (2015) ou a webserie S.E.X. (2019-20). Animación, videocreación, deseño gráfico, publicidade, fotografía, xestión cultural e formación, son os principais campos en que sen moven Sabela, Adriana e Pilar. O seu traballo máis recente é Negro púrpura (2021).

    De onde nace a vosa paixón polo audiovisual? Pois posiblemente da necesidade de contar, rexistrar, crear e expresármonos a través da imaxe e o son. Cremos que o audiovisual é unha ferramenta moi potente para aprender, para reflexionar e podermos entender mellor este mundo. Levamos 9 anos vivindo co audiovisual e xa é o noso medio de vida. Iso tamén fai paixón.

    Como foron os comezos? Os comezos foron raros e con moitas incertezas. Daquela pensar a medio prazo non tiña sentido para nós. Nacemos no contexto da crise económica do 2008 cando parecía que nada podía ir ben e ao mesmo tempo che vendían o emprendemento si ou si de xeito nada realista. Aínda así lanzámonos por pura supervivencia e aquí estamos 9 anos despois. Sabiamos que era o que non queriamos e iso axudounos moito… segue a ser unha aprendizaxe continua.

    Que significa para vós traballar en Santiago de Compostela? Pois significa traballar na casa, traballar onde estudamos e onde nacemos como produtora, onde coñecemos ben o terreo, os lugares, as imaxes, as persoas… e iso sempre é comodidade. É un concello acolledor e diverso. En Santiago hai localizacións do rural a un paso do centro e escenarios urbanos moi diferentes.

    Que supón para vós facer audiovisuais en galego? Supono todo. É unha razón de ser. Se o audiovisual é poderoso, canto máis na propia lingua! Só dende aí é dende onde podemos contar da mellor forma e coa mellor calidade. Facelo doutro xeito para nós non tería moito sentido.

    Cales son os vosos desexos para o audiovisual galego en xeral? O primeiro e máis importante desexo é que a nosa profesión non implique precariedade e que as persoas valoren cada vez máis o traballo e o tempo que hai detrás dunha produción audiovisual.

    Gustaríanos que o audiovisual galego siga camiñando como o está a facer nestes últimos anos con películas moi dignas que son quen de chegar a un público diverso e plural. O audiovisual galego tamén se fai nas Redes, e por suposto esa xanela tamén é precisa para as creativas galegas do audiovisual.

    Como valorades a relación do público galego co cinema? Pois pensamos que nestes últimos anos hai unha maior interese no cinema galego por parte da sociedade, quizais porque houbo filmes que foron quen de conectar con ese público, coas súas problemáticas máis íntimas e profundas, sen que por iso deixe de ser universal. Ao público tamén hai que escoitalo e atendelo. Ás veces, hai pelis que se quedan en círculos pechados e se retroalimentan. Esa capacidade de traspasar á sociedade cremos que é fundamental para que o que se crea teña sentido, polo menos para nós é así. Cremos que o público galego é sabio e con criterio.

    Pódese vivir do audiovisual galego? Pódese vivir se asumes a eterna incerteza, como na maioría das profesións, pero si, pódese vivir do audiovisual. É importante tamén respectar e valorar a todas as profesionais do sector, sendo honestas e xustas co traballo propio e das persoas que te rodean.

    Que dous filmes lles recomendariades ás persoas que queiran coñecer Compostela? Pois hai pouco vimos no Curtocircuíto o rexistro do derrubamento do Edificio Castromil do Equipo Lupa, é interesantísimo coñecer ese traballo para saber das orixes do noso audiovisual. Tamén podemos nomear o filme Encallados (2013) de Alfonso Zarauza que fai un retrato moi lindo da cidade con imaxes que xa pertencen a un imaxinario.

    De ter un orzamento ilimitado, habería algún libro que adaptarías ou tes algunha idea que che gustaría gravar especificamente en Santiago de Compostela? É moi difícil escoller un libro concreto… Non che saberiamos dicir… Compostela é un gran escenario para moitas historias con moitos recunchos ocultos que nos gustaría descubrir coa cámara, o mítico pasadizo que atravesa a Quintana, por exemplo. De ter un orzamento ilimitado faríamos máis dun proxecto, tamén fóra do centro, que na marxe da cidade hai tanto ou máis por contar!

    Etiquetas:

    Deixar unha resposta