Natural de Santiago, desde ben novo tiña clara a súa paixón polo cine e nalgunha ocasión ten confesado que escribiu o guión da súa primeira curta nos panos de mesa dunha cafetaría. Este soño de mozo foise materializando e a día de hoxe reflíctese nunha carreira ben variada: dirixiu videoclips e anuncios, curtas, series, documentais e longametraxes.
Entre as súas longametraxes destacan títulos como A noite que deixou de chover (2008), Encallados (2013), Os fenómenos (2014) ou, a recentemente estreada, Ons (2020). Como recoñecemento desta última película recibiu diferentes premios e triunfou nos Mestre Mateo do 2021, resultando gañadora en nove das categorías polas que optaba a premio.
Que lembranzas conservas da cidade na túa infancia? Teño moitísimos recordos da miña infancia na cidade. O meu mundo aglutinábase en tres zonas especialmente: Sar, La Salle e Conxo. E logo o ensanche e a zona vella onde íamos de compras ou de paseo. Con tres anos entrei no parvulario do convento de San Paio de Antealtares e alí estiven tres anos até que ingresei a La Salle.
O barrio de Sar/Belvís e Olvido era onde vivía. Xogaba con ducias de nenos da zona. Recordo cando a zona dos Pexigos aínda estaba sen edificar e eran campos nos que eu xogaba na miña infancia. Un amigo meu sendo moi cativos, con oito ou nove anos, unha noite caeu polo burato das escaleiras dun deses edificios en obras. Estivo moito tempo no hospital. Lembro de facer unha cabana de madeira debaixo do loureiro das terrazas do Daca, o chan desas terrazas aínda era de herba. Lembro de correr polas ladeiras de Belvís antes de ser parque, había ducias de ovellas pastando. Esa era a Compostela da miña infancia, a Compostela das leiteiras pola mañá e o mercado de abastos con coellos e galiñas vivos.
A outra zona que teño moi vivida é a zona de La Salle, onde estudei toda a vida. Non só no interior do colexio e os seus espléndidos patios, tamén a zona do CGAC onde os xoves había mercadiño, Virxe da Cerca, ía todos os días camiñando ao colexio.
E terceira zona é a de Conxo, onde vivían os meus avós. Recordo a transformación do barrio nos oitenta, das casas de pedra aos insulsos edificios de Ruafer e como foi perdendo a identidade de barrio. Todos os anos iamos ás festas de Conxo e San Serapio en setembro, sempre me chamou moito a atención porque nas verbenas saían “os enfermos” do manicomio, como lles chamaban.
Consideras que a cidade influíu dalgunha maneira nas túas rodaxes, como ‘A noite que deixou de chover’ ou ‘Encallados’? Por suposto, esa verbena de Conxo ateigada de enfermos mentais sae recreada no filme “A noite que deixou de chover”. “A verbena dos tolos” onde os personaxe de Spleen (L.Tosar) e La Rusa (Nora Tschirner) atópanse con Manolito (Marcos Petete), que lles dá “flyers” da rave da fin do mundo. De feito, unha parte desa secuencia está filmada en Bonaval e a outra no interior do propio manicomio de Conxo.
“A noite que deixou de chover”, “Encallados”, “A viaxe dos Chévere” e o meu último traballo “Un fâneur en Compostela” están ateigados da miña propia experiencia vital na cidade. O mesmo podería dicir de moitas curtas filmadas nos anos noventa en Compostela.
A túa carreira profesional repartiuse entre Madrid e Galiza, consideras que é posible vivir do cine feito en Galiza a día de hoxe? A miña propia vida é unha constatación disto. Eu vivo do meu traballo no cinema exclusivamente e dende o ano 2009 resido na miña cidade, Compostela. Estiven en Madrid vivindo, tamén do cinema, entre o 1998 e o 2009, con algún período intermedio en Edimburgo, Brasil e Los Angeles. Non son o único cineasta que vive do cinema en Santiago: Jorge Coira, Dani de la Torre, Eloy Dominguez, Eloy Enciso, Jaione Camborda ou Quique Otero, entre outros moitos directores e directoras que residen nesta cidade, viven ou malviven exclusivamente do cinema.
Vivir do cinema en Galicia hoxe en día é posible e viable, aínda que sempre estarás exposto dalgunha maneira a unha certa precariedade. Pero iso é algo consubstancial a case que todos os oficios artísticos.
Neste ano 2020 acabas de recibir o premio Cineuropa e, ademais, estreas a película ‘Ons’ no Festival. Que significa Cineuropa para ti? Xa o teño dito nalgunha entrevista. O Cineuropa é o meu festival porque nel me formei como espectador. Fun moito antes espectador que cineasta, e o sigo a ser. Empecei a acudir como espectador no ano 92 con regularidade aínda que xa antes fora a ver algún filme solto. No ano 98 a miña ópera prima “A noite que deixou de chover” inaugurou o festival. Todos os meus filmes pasaron polo Cineuropa. “A Viaxe dos Chévere” foi o filme de clausura no 2015. O mesmo que “Ons” neste ano. Ser premiado no teu fogar sempre é un orgullo. Estou feliz e agradecido aínda que sexa un ano un pouco estraño con isto da pandemia e as restricións de público.
Que sensacións fican despois de acabar unha rodaxe e afrontar unha estrea? Ao rematar unha rodaxe sempre queda un baleiro inmenso porque é un proceso que absorbe completamente o teu tempo e a túa enerxía vital. Así que cando remata, de súpeto, tardas uns días en recuperarte.
Afrontar unha estrea é algo excitante e ao mesmo tempo cheo de incerteza. Non sabes como vai ser acollido o filme aínda que intúes a que tipo de público ou crítica vai agradar ou a quen non. Intúes a quen vai dirixido pero nunca o sabes con certeza.
Cales son os teus desexos para a profesión? E para o cine galego en xeral? O cinema galego atravesa un período de calidade e diversidade nunca antes visto. O problema é que a precariedade e a invisibilidade seguen a ser consubstanciais ao oficio. Gustaríame que isto mudara un pouco e poder vivir cun pouquiño máis de tranquilidade e certeza sobre o porvir. Pero para min é o oficio máis fermoso do mundo e son feliz podendo facer o que fago.
Que dous filmes dos que coñeces lles recomendarías a aquelas persoas que queiran coñecer Compostela? Aconsellaría un pequeno documental televisivo feito por Claudio Guerín sobre Santiago e filmado en 16mm na cidade no ano 1967 para o programa de televisión “Conozca usted España”.
Aínda que estea feo falar dun filme propio pero penso que “Encallados” retrata moi ben a alma bohemia da cidade, os seus bares e o noso oficio do cinema, algo pouco retratado.