Saltar ao contido

Entrevista a Margarita Ledo

    Margarita Ledo Andión conta cunha ampla traxectoria, que imos intentar resumir. Licenciouse en xornalismo en Barcelona, onde foi profesora na Universidade Autónoma de 1983 a 1991. A partir dese ano traballa na Facultade de Ciencias da Información da USC, onde exerce como catedrática de Comunicación Audiovisual.

    Como xornalista, foi directora do xornal A Nosa Terra entre 1977 e 1980 e fixo numerosas investigacións sobre a prensa galega. Tamén dirixiu o Observatorio do Audiovisual Galego e presidiu a Federación Lusófona de Ciencias da Comunicación (LUSOCOM) e a Asociación Galega de Investigación en Comunicación (AGACOM), da que é Presidenta de Honra.

    Estréase como directora dunha longametraxe documental no ano 2004 co filme ‘Santa Liberdade’ e, despois doutras obras, neste ano 2020 acaba de estrear a película ‘Nación’, unha obra que aborda as mudanzas que supuxeron para as mulleres o acceso ao emprego industrial en medio de tempos convulsos, exemplarizado co caso das mulleres da fábrica de cerámica da Pontesa.

    En maio de 2008 recibiu o Premio Nacional de Cine e Audiovisual, correspondente aos Premios Nacionais da Cultura Galega; en 2009 ingresa na Real Academia Galega; en 2017 gañou o Premio Otero Pedrayo e en 2020 o premio Cineuropa canda o da Asociación española de Investigación da Comunicación.

    Con este breve cuestionario a Margarita, iniciamos unha serie de entrevistas a persoas relacionadas con mundo do cinema e con Santiago de Compostela.

    De onde nace a túa paixón polo cinema? Como adoito pasa, de experiencias diversas. Se penso en filmes dos que lembro escenas, comezo por “A dama e o vagabundo”, de Dysney. Levárame a miña madriña en Ourense aos 5 anos. Nos anos de bacharelato en Lugo eran as pelis de Marisol… escollo, talvez, como novidade de adolescencia, “Un home e unha muller” que vin no desaparecido Gran Teatro. Despois veu aquel ano 68-69 en Compostela, as sesións de “arte e ensaio” no Yago, os filmes da Escola de Barcelona ou o Cinema Novo brasileiro mireinos aquí. E xa no tempo de estudante de xornalismo en Barcelona comecei a ir a sesións de cinema político.

    Que supón para ti facer cinema en galego? Facer cinema en galego é, coma noutros ámbitos, facer cinema situado: nunha cultura, nunha lingua, en afirmar o dereito a expresármonos en todos os eidos creativos, a manterme independente, “non reconciliada”

    É posíbel vivir do audiovisual en Galiza? É posíbel. O que pasa é que as dificultades son distintas para empresas que fan produtos estandarizados fronte aquelas que procuran outros obxectivos, sexan sociais, culturais, experimentais

    As túas películas abordan temas da historia e da cultura galegas, desde unha perspectiva feminista en moitos casos. Acabas de estrear ‘Nación’, cal é a reacción que esperas do público galego? Xa asistín as primeiras reaccións a “Nación” e estou conmovida da empatía que acorda o filme. Seguramente porque como me dicía nun whatsapp unha espectadora que asistiu á proxección no Festival Márgenes, en Madrid “…esas mulleres galegas nunca se viron no cine… non as quito da cabeza…son as nosas Mulleres, as Mulleres da miña memoria… por iso me emocionei tanto”

    Que obxectivos hai detrás de contar historias locais e non de masas? Todas as historias son locais e, ao mesmo tempo, teñen a capacidade de estabelecer conexións con outras historias, neste caso con outras cinematografías das denominadas “de pequenos países”, que ampliar a capacidade de ollar.

    Cales son os teus desexos para o mundo do cinema? Que vexamos cinema en lingua galega, que perdamos o medo e fagamos cinema feminista, que as políticas do cinema respecten os nosos dereitos.

    Que dous filmes dos que coñeces lles recomendarías a aquelas persoas que queiran coñecer Compostela? “Pegadas”, de Llorenç Soler, realizado en 1997 ao abeiro dun curso de posgrao que dirixín da USC. Llorenç ten filmado Santiago en momentos moi diferentes -o filme pode verse na Mediateca de Ciencias da Comunicación- e, quizais, “Trece Badaladas” unha adaptación da novela de Suso de Toro realizada por Xavier Villaverde.

    De ter un orzamento ilimitado, habería algún libro ou tes algunha idea que che gustaría gravar especificamente en Santiago de Compostela? Otero Pedrayo en Compostela.

    Deixar unha resposta