Saltar ao contido

Entrevista a Iria Sobrado

    Licenciada en matemáticas e formada en interpretación e performance, o seu interese polas accións escénicas efémeras e a performance levárona a crear O estado cru, Brinde, Titania ou A espera (Reclamando a Clitemnestra). Como actriz teatral, estivo nomeada nos Premios Max 2017 como actriz secundaria por Raclette de Ibuprofeno Teatro, actuou en diversas compañías e participou en festivais como Escena Contemporánea de Madrid, FITEI do Porto (Portugal) ou 15 Janeiro de Grandes Espetáculos do Recife (Brasil), entre outros.

    No mundo da televisión foi colaboradora en programas como Land Rober e Tourilandia, coprotagonista de Pazo de Familia e actriz en diversas series da TVG. Participou ademais en numerosas curtametraxes.

    De onde nace a túa paixón polo cine? Supoño que, coma todas as paixóns, é bastante inexplicable. Resúltame moi complicado datar a fenda. Pero supoño que nace de ter visto moito cine e moi diverso. De adolescente, no Carballiño, había un Cineclube onde descubrín a Von Trier, por exemplo. Despois, recén aterrada en Compostela, a marabilla de “Cineuropa” fixo que me estourara a cabeza e que, aquelo que eu vía na pantalla, me namorase para sempre.

    Como foron os comezos? Os meus? Eu aínda estou comezando…hahaha…

    Sempre me gustou o teatro, a paixón pola interpretación vén de aí, porque ao teatro era máis fácil acceder (refírome a “facer” teatro, claro, máis fácil que “facer” cine). Así que comecei por aí, por formarme como intérprete ao tempo que estudaba máis cousas (sempre fun moito de mesturar). Despois montei unha compañía de teatro coa que participamos en varios festivais e o salto ao audiovisual foi case natural.

    Cales son os teus desexos para a túa profesión? E para o cine galego en xeral? Para a miña profesión desexo traballo e máis traballo. Que se roden películas en Galiza con equipos galegos e actores e actrices protagonistas galegas tamén. Cando se ve o traballo dos actores e actrices galegas fóra, todo o mundo se pregunta onde estaban antes.

    O cine galego está atravesando un bo momento. Desexo que siga sendo así, que se apoie aos novos e novas cineastas que están aportando novas perspectivas.

    Pódese vivir do audiovisual galego? Pódese, pero é complicado de xestionar. A incerteza é moi fastidiada e nunca sabes cando te van chamar. Hai que saber lidar con iso. Eu teño que dicir que, ademais de actriz, son docente (xa dixen que sempre fun moito de mesturar? ;))

    Que amosa unha actriz galega cando roda en Galiza ou interpreta personaxes galegas? O traballo dunha actriz sempre está por riba do lugar e os personaxes. Quero dicir, a implicación e a entrega debe ser sempre do 300% rodes aquí ou en Tokio. Creo firmemente que debe ser así. Agora ben, rodar en Galiza sempre lle dá un aquel de “orgullo san”. É dicir, é bonito pensar “estou rodando na miña terra”, que é igual de bonita ca calquera outra, pero é a miña. Eu formo parte disto, deste lugar e desta xente. Hai historias que acontecen aquí e non poderían acontecer noutro sitio. Pero sen caer no chauvinismo, claro. A única patria é a infancia.

    Logo, á hora de interpretar un personaxe, cada unha sempre lle aporta o que leva no lombo. E aí entra a maxia. Facer do minúsculo algo universal.

    Cales son os teus referentes no mundo da interpretación galega? Eu medrei vendo os actores e actrices galegas no teatro. Sempre digo que foi incrible ver Río Bravo con 11 anos e, 30 anos despois, poder traballar con algúns deles no audiovisual.

    Dar nomes é complicado porque tería que dar moitos. Hai moitos compañeiros e compañeiras que levan toda a vida traballando nesta profesión e, ao mesmo tempo, vén aí unha panda de actores e actrices novas que son a bomba!

    Na túa experiencia, pódese pasar desapercibida como actriz recoñecida nunha cidade pequena como Santiago de Compostela? Absolutamente. En Compostela vivimos moitísimos actores e actrices e, aínda por riba, andamos moito xuntas. Compostela é unha cidade amable nese sentido, a xente é moi respectuosa. A ninguén lle sorprende, formamos parte da paisaxe, hahaha.

    É máis esixente gravar na cidade onde vives? É máis san, porque tes que madrugar menos!

    E ten unha cousa fantástica. Para min é moi importante afacerme ao espazo no que rodamos, diría que é fundamental. Cando rodas na túa cidade, tes iso da túa man.

    Que dous filmes dos que coñeces lles recomendarías a aquelas persoas que queiran coñecer Compostela? “Encallados”, de Alfonso Zarauza, porque sae a praza máis bonita do mundo mundial que é a Quintana (nótase que sinto devoción por ese lugar?) E “A sombra da Lei”, de Dani de la Torre, na que tamén se ve Compostela bonita.

    Esta cidade é un agasallo!

    De ter un orzamento ilimitado, habería algún libro ou tes algunha idea que che gustaría gravar especificamente en Santiago de Compostela? Teño. E ando na procura dese orzamento ilimitado! O ano pasado tiven a sorte inmensa de que me subvencionaran un proxecto de guión. É unha historia de mulleres bravas, galegas, de sesenta anos en adiante. A película está ambientada en Compostela, núcleo urbano pero non urbanita, e nos seus arredores. Non en van, Carmela -unha delas- vende grelos nunha carretilla pasando Sigüeiro.

    Compostela é a miña cidade de acollida e eu considérome picheleira de corazón. É a cidade que podería percorrer cos ollos pechados. De feito, se os pecho, vexo o filme.

    Etiquetas:

    Deixar unha resposta