Saltar ao contido

Entrevista a Alberto Rolán

    Actor con ampla experiencia como actor de audiovisual, teatro e performance. Despois de formarse na Escola de Teatro e Danza Espacio Aberto, realizou un postgrao en Arte Dramática, especializado na Teoría e Práctica da Interpretación.

    Foi nomeado aos Mestre Mateo no 2018 como mellor actor protagonista por A estación violenta (2017, Anxos Fazáns), unha longametraxe que marcou un punto de inflexión na súa carreira como actor. Ademais gañou o María Casares 2016 ao mellor actor secundario por O principio de Arquímides de Teatro do Atlántico.

    De onde nace a túa paixón polo cine? A miña paixón polo cine nace na infancia, vendo westerns americanos de John Wayne, Henry Fonda e Gary Cooper con meu pai e con meu tío. Clint Eastwood é o recordo máis antigo que teño do meu espertar cinematográfico, que logo se consolida xa na adolescencia cun grupo de compañeiros que nos intercambiabamos VHS e tiñamos un especie de cineclube entre nós. Aí empezamos a ver cine europeo, películas da Nouvelle vague, do neorrealismo italiano, aos mestres como Buñuel… Isto xuntábase coa nosa asistencia asidua ao Cine Buenos Aires de Verín e aí xa viamos todo tipo de cine. Como tiñamos boa relación co rexente por aquel entón, permitíanos ver varios pases cunha entrada soa, incluso ás veces tiñamos que levar unha manta porque cando eramos pouco nun cine tan grande pois non acendían a calefacción.

    Que supón para ti facer cine en galego? Para min supón facer cine na miña propia lingua e defender a cultura. A verdade é que vese case como un privilexio, aínda que non debera ser así, debería estar moito máis fomentado por parte das administracións. Pero para min significa mostrar a nosa lingua, a nosa cultura, a nosa idiosincrasia como galegos, que ten moitos valores. Normalmente fóra valórase moito máis que aquí, entón facer cine en galego supón tamén traspasar as fronteiras das linguas.

    Que amosa un actor galego cando roda en Galiza ou interpreta personaxes galegas? Amosa esa parte que nos distingue do resto do estado español e do resto dos países, a nosa propia vida dentro deste territorio. Non necesariamente ten que ser unha parte folclórica, nin moito menos, porque as cuestións universalizadoras dos conflitos que se mostran nas películas son moi parecidos ao que lle pode pasar a unha persoa de Irlanda ou Polonia, de modo que os conflitos son universais pero sempre peneirados ou pasados polo filtro do que somos nós, do que somos como pobo.

    Nesa parte máis conceptual amosamos como é a nosa vida e a nosa cultura, logo tamén se amosa claramente o noso territorio, o grandísimo plató cinematográfico que é Galiza, no que pode haber escenarios tan diversos como é unha costa espectacular ou un tempo cambiante cun amplo repertorio de variacións temporais. Amosa, en definitiva, o noso día a día.

    Cales son os teus referentes no mundo da interpretación galega? Comezarei citando o Xosé Manuel Olveira, Pico, un dos actores que para min sempre foi un referente. A verdade é que non me gusta cuantificar quen é mellor ou peor porque creo que é un debate baleiro pero como referente teño que apuntar a Pico ou a Ernesto Chao, xente que empezou fai moitísimo tempo e que foi abrindo camiño, non só no eido cinematográfico, senón tamén no eido teatral e televisivo.

    Logo tamén podería citar a Luisa Merelas e a Rocío González, aínda que é unha actriz que non fixo moito cinema pero é unha gran actriz de teatro, e ademais dunha vinculación de amizade, sinto unha admiración polo seu traballo e é un referente.

    Cales son os teus desexos para a túa profesión? E para o cine galego en xeral? O principal desexo sería que houbese traballo. Somos un sector moi precario no que apenas está traballando un 5% ou un 7% dos actores e actrices en Galiza e no resto do estado español. Asique o desexo sería que se normalizase un pouco o traballo e dignificar a profesión porque está sendo bastante denostada por moito intrusismo, é dicir, levala ao estatus que se merece, nin máis nin menos.

    Con respecto ao cinema galego en xeral, gustaríame que tivese máis transcendencia dentro das nosas fronteiras, porque fóra é un cinema que está rompendo, sorprendendo e gustando moito internacionalmente. Pero onde falta a consolidación plena é no noso territorio e iso parte polas administracións e polo apoio a un cine que defende unha lingua e unha cultura.

    Que dous filmes dos que coñeces lles recomendarías a aquelas persoas que queiran coñecer Compostela? Recomendaría A estación violenta, a película que eu protagonizo, porque retrata moi ben esa Compostela da zona vella, bohemia, da noite… Unha Compostela que moita xente da miña xeración coñecemos tan ben, que nos atrapou cando chegamos para estudar e que ao final decidimos asentar as nosas raíces e quedar aquí. Creo que tamén é unha visión dunha Compostela un pouco turbadora polas circunstancias do propio personaxe pero que reflexa moi ben Compostela.

    A outra sería a película de Encallados de Zarauza que é unha marabillosa película na que hai planos que creo que xa son fitos na historia do mundo cinematográfico galego.

    De ter un orzamento ilimitado, habería algún libro ou tes algunha idea que che gustaría gravar especificamente en Santiago de Compostela? Compostela sería un marabilloso plató cinematográfico para facer calquera película pero ultimamente lin unha novela de Javier Peña que se chama Infelices, unha novela xeracional que retrata uns personaxes que conflúen en Compostela porque veñen aquí a estudar e logo o percorrido das súas vidas vai separándose pero con Compostela como punto de partida.

    Compostela sempre acolleu estudantes e esta novela reflexa moi ben esa chegada, a formación de grupúsculos entre os estudantes e o que foi das súas vidas. Eu creo que sería unha novela moi interesante para levar ao cinema e para facer un retrato desa Compostela que eu vivín cando cheguei aquí.

    Etiquetas:

    Deixar unha resposta