Saltar ao contido

Entrevista a César Goldi

    César Martínez Pérez, coñecido como César Goldi, é un actor de cinema, televisión e teatro. É actor de teatro desde comezos dos anos noventa, ten representado numerosas montaxes, ademais de participar no grupo de maxia e rock The Magical Brothers. Ademais, tamén ten experiencia como presentador en diversos actos, incluíndo as xiras do Xabarín Club.
    En televisión interpretou papeis como actor episódico en diversas series e tivo un papel principal en 4º sen ascensor, Mareas vivas ou Luna, el misterio de Calenda, entre outras.

    A súa traxectoria tamén pasa polo mundo do cinema, con filmes como El rey de los huevones (2006) ou Galatasaray-Depor (2005). Aínda que principalmente é máis coñecido pola súa longa traxectoria teatral, moi vinculada a numerosas colaboracións coa compañía compostelá Chévere.

    De onde nace a túa paixón pola interpretación? Nace comigo, vai no paquete. Nunca fun una persoa excesivamente popular en grupos de amigos e esas cousas, máis ben tímido, porén sempre me sentín atraído por escenificar, por estar nun escenario (que ben podía ser una mesa nunha reunión familiar) e experimentar esa sensación contando algo ou simplemente estando. Vivín até os 18 anos en Cataluña e con 10 aniños apunteime na parroquia para escenificar “Els Pastorets” e….. a cousa non parou e aquí en Compostela decidín que “Actor” ía ser o meu oficio. No meu espectáculo autobiográfico “Goldi Libre”, producido por Chévere, hai una parte moi divertida dedicada aos meus primeiros anos en Compostela. Eu vivín esta cidade moi intensamente.

    E polo cinema en especial? Polo cinema, primeiro como espectador. Teño 55 anos e o cinema, ver una película, era una experiencia relixiosa para min. Na niña infancia e xuventude non había o movidón tecnolóxico de hoxe en día. Manteño intacta esa fascinación.

    Que amosa un actor galego cando roda en Galiza ou interpreta personaxes galegas? Pois, paradoxicamente, ten un plus de responsabilidade, de medo de non facelo ben, de decepcionar á túa xente. Sempre temos medo de decepcionar aos que máis queremos.

    Cales son os teus referentes no mundo da interpretación galega? Non son eu moi de referentes. Ou si, pero cambian constantemente. Para min sempre é referente a xente coa que traballo en cada momento. O respecto e a admiración mutuas dan sempre bos froitos. Pero xa que falamos de Compostela, teño un referente cultural importantísimo en Roberto Vidal Bolaño. Moitas das súas obras poderían ser excelentes guións cinematográficos. Na súa obra sempre agroma a paixón que sentía polo cine.A súa paixón por Santiago tamén está presente na súa obra.

    Na túa experiencia, pódese pasar desapercibido como actor recoñecida nunha cidade pequena como Santiago de Compostela? Na niña experiencia, bastante . En Santiago a xente recoñéceme sobre todo polo teatro ou polo traballo en series galegas. Un día coméntanche “Gustoume moito o teu traballo en…..” e xa está comentado. Non cho van dicir cada vez que se cruzan contigo!!! Cando traballei 2 temporadas en Luna (Antena 3) a xente de aquí apenas me comentaba nada, pero os turistas que viñan a Santiago eran os que me paraban e pedían fotos!!!

    Que dous filmes dos que coñeces lles recomendarías a aquelas persoas que queiran coñecer Compostela? Pois xa que falaba antes de Vidal Bolaño, Doentes. Película dirixida por Gustavo Balza, que está baseada nunha obra teatral de Roberto Vidal Bolaño. A outra La noche que dejó de llover, ópera prima de Alfonso Zarauza que ademais é compostelán. Son dúas películas que, en épocas distintas do século XX, amosan unha Compostela noctámbula, bohemia e esperpéntica que sempre me fascinou. A “ánima” de Compostela está na Noite de Compostela. Eu mesmo recordo una “Fauna autóctona” da Noite Compostelana que non ten nada que ver coa “Noite de Franquicia” que viven os turistas.

    De ter un orzamento ilimitado, habería algún libro ou tes algunha idea que che gustaría gravar especificamente en Santiago de Compostela? Si. Adaptaría as Actas Escuras de Roberto Vidal Bolaño. Esta obra fálanos dunha investigación encargada pola máis alta xerarquía eclesiástica compostelana para aclarar cientificamente se realmente era o apóstolo Santiago quen estaba no Sepulcro. Eu engadiríalle elementos fantásticos e de ciencia ficción como viaxes no tempo para seguir a pista do Apóstolo, sectas priscilianistas enredando na investigación, vampiros na Catedral……..Compostela é una marabilla!!! Aínda ten moitos filóns por explorar cinematograficamente!!!.

    Etiquetas:

    Deixa unha resposta