Saltar ao contido

Entrevista a Jairo Iglesias

    Compostelán que estudou Imaxe e Realización audiovisual e espectáculos na Escola de Imaxe e Son da Coruña e é o director máis novo en gañar un Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual. Realizou a súa primeira montaxe dixital con 15 anos, cando estudaba no colexio La Salle, momento no que comeza o seu interese polo cinema.

    En 2005 roda a curtametraxe Retrato xunto co actor Tamar Novas e reúne no equipo a recoñecidos actores e actrices como María Castro, Sara Casasnovas, César Goldi, Estíbaliz Veiga e Sergio Suárez. A súa andaina no audiovisual comeza como director de curtas, documentais e videoclips, pero actualmente tamén traballa como editor e colorista, onde destaca o seu traballo como cámara e colorista para o filme Dhogs (2016). Ademais está especializado como realizador en publicidade, creando contidos sobre viaxes, cultura e tradición como vemos en El capricho (2018) ou en Medalla de Galicia aos profesionais sanitarios (2020), entre outros.

    Como foron os teus comezos no mundo do audiovisual? Na miña casa dende pequeno sempre houbo unha cámara coa que gravabamos as vacacións e eventos familiares. Tésis de Amenábar marcou un antes e un despois á hora de saber cara onde me gustaría ir. A partires de aí un día por casualidade na escola tiven que facer un vídeo e empecei a utilizar ferramentas que me abriron un mundo de posibilidades para contar historias. Ese foi o primeiro paso. Despois chegaron as curtametraxes amateur cos meus amigos da rúa…. a escola de Imaxe e son….

    Santiago de Compostela conta cun patrimonio monumental declarado Patrimonio Mundial da Humanidade, como condiciona ou alimenta este escenario unha rodaxe? Penso que Santiago é unha das cidades máis cinematográficas do mundo. Hai anos tiven que rodar un spot para unha compañía de viaxes e decidín insistir en que Santiago tiña que saír ao lado de Paris e Venecia. A maxia de Santiago non está presente en moitos lugares. Esa pedra, mollada ou non, o diferente patrimonio artístico, zonas verdes, zonas máis modernas…

    E ao mesmo tempo sentes unha responsabilidade moi grande de trasladar esa maxia á
    pantalla.

    Que implicacións ten o feito de ser un director galego e rodar en Galiza? Supoño que a profesionalización é complicada. Seguimos na Loita de construír unha industria estable e profesional a todos os niveis. Creo firmemente que certas produtoras e películas ou series contribúen a isto e pouco a pouco vaise poñendo a Galiza no mapa… pero falta moito camiño por percorrer para chegar a onde nos gostaría estar a todos, supoño.

    Cales son os teus referentes no mundo da dirección en Galiza? Hai un moi claro que é Dani de la torre, amigo dende hai tempo, ao que por fin valoraron porque realmente é un mago detrás da cámara. E despois hai moitos referentes que serven de inspiración nesta Carreira de fondo…. podería mencionarche a Jorge Coira, Alfonso Zarauza, Juan Galiñanes…

    Que dous filmes dos que coñeces lles recomendarías a aquelas persoas que queiran coñecer Compostela? Unha das películas que retrata Compostela dunha forma espectacular baixo o meu punto de vista é A noite que deixou de chover de Zarauza. Cada plano é unha fantasía.

    E despois en vez de dicir unha película vou dicir o spot que fixo Dani de la torre hai anos para a Film Commision, penso que se chamaba “Compostela de cine“.

    De ter un orzamento ilimitado, habería algún libro ou tes algunha idea que che gustaría gravar especificamente en Santiago de Compostela? Dicir orzamento ilimitado e gravar na mesma frase é algo que non escoitei nunca. Jajajaa. En todo caso sempre que poida volverei a Compostela a rodar. Creo que non hai unha historia concreta que se axuste mellor ou peor porque cunha cidade tan bonita e cinematrográfica a todos os niveis… calquera historia é digna de ser contada aí.

    Etiquetas:

    Deixar unha resposta