Saltar ao contido

Santiago no No-Do

    Ao son dunha música triunfal iniciábase o Noticiario y documentales cinematográficos. No-Do, noticiario propagandístico semanal emitido durante o franquismo entre os anos 1942 e 1981. Da cantidade de emisións e da súa calidade despréndese a importancia que o franquismo lle daba a divulgar unha boa imaxe do réxime e, de feito, até o ano 1975 foi obrigatoria a retransmisión deste noticiario en todo os cinemas españois antes dos filmes. E non era unha cuestión menor. A presenza da simboloxía franquista, a loanza constante das accións do réxime e a presenza de Franco repítense neste programa retransmitido durante case catro décadas, 39 anos.

    A importancia do No-Do na actualidade deriva tanto da información que a nivel xeral transmite da época franquista como, a nivel galego, para a análise de como o franquismo foi construíndo unha imaxe estereotipada de Galiza. Como ten concluído na súa tese de doutoramento a etnomusicóloga Beatriz Busto: “o NO-DO funcionou como unha ferramenta audiovisual franquista para construír unha imaxe cultural estereotipada onde a música e o baile xogaron un papel central no exercicio da dominación simbólica de Galicia fronte á España da ditadura”. A todo este proceso de dominación a través da creación dos estereotipos dálle o nome de Galaiquismo. Tamén, sinala a autora, desde os primeiros anos de emisión, o No-Do foi adaptando os seus contidos e obxectivos a intereses variables no tempo. Se ben desde os anos 50 afonda na idea de transmitir unha imaxe de Galiza baseada en contidos pseudoetnográficos a partir dos estereotipos creados, a partir dos anos 60 aprécianse mudanzas que centran o discurso na creación dunha plataforma ao servizo da promoción turística.

    Nesta mesma idea, aínda que con outra ollada, incide José Luís Castro de Paz para quen o No-Do foi un elemento moi importante na desmobilización da poboación. A partir destas premisas explicaríanse as retransmisións durante anos dunha mesma imaxe de Galiza, e de Santiago, revelada a través de procesións, curas ou folclore.

    E toda esta campaña publicitaria foi construída ao redor dunha linguaxe de exaltación e loanza, de ton poético e triunfal, que impregna un discurso cheo de alusións á magnificencia do réxime e da igrexa. Expresións como “camino signado de conchas y estrellas, se renueva y estremece en ardiente romería juvenil”, en Peregrinación a Santiago ou as recollidas na Clausura de VII Consejo Nacional de la Sección Femenina de F.E.T. y J.O.N.S. que din: “han sido subrayados por muy vellos festivales folclóricos con danzas españolas de un sabor antiguo y tradicional”. Ao redor da construción dunha imaxe de normalidade introdúcense elementos tan pouco naturais como a representación artificial e artificiosa do folclore como representación máxima da cultura, una presenza constante de símbolos relixiosos, así como a presenza tamén do exército na rúa de forma habitual. As prazas, os balcóns e as rúas móstranse ateigados de xente, en perfecta orde e simetría, e ben situados en función do rango na xerarquía.

    Santiago de Compostela aparecerá até 55 veces, coa catedral como centro omnipresente. A primeira destas aparicións foi o 1 de febreiro de 1943 (VII Consejo Nacional de la Sección Femenina), cando aínda non pasara un mes desde a primeira emisión do NO-DO, e a última o 6 de setembro de 1976 (Cinco mil jóvenes ante la tumba del Apóstol). En xeral, estas emisións están introducidas por un plano da catedral como fondo e as temáticas tratadas son recorrentes en asuntos relixiosos, como peregrinacións ou ofrendas, tal e como se reflicte en títulos como: Peregrinación a Santiago (1943), El Caudillo y la Falange ante el Apóstol Santiago (1943) ou Ofrenda al Apóstol (1959), entre outros moitos.

    De todas estas aparicións, destaca o especial Un día en Santiago, onde podemos pasear a Compostela de 1944 desde a ollada do franquismo. Neste percorrido pola cidade atopamos referencias ao labor dos labregos e labregas (carros de vacas, burros, realizando os traballo do campo), a concorrida feira do gando, a alameda e a carballeira, a que daquela era a Facultade de Filosofía e Letras (hoxe de Historia), a Casa da Troia e a tuna, alusións ao clima chuvioso, así como paseos polas rúas da cidade e panorámicas de diferentes monumentos. Pero, sen dúbida, o que máis minutaxe e atención acapara é a catedral, con planos desde diferentes ángulos, imaxes do Pórtico da Gloria e dos ritos asociados, como o santo dos Croques. E tamén é de interese a visita o Burgo das Nacións (1965), a través da que podemos relembrar ou coñecer como se ideou este complexo destinado, principalmente, á acollida de peregrinos e visitantes na cidade, do que hoxe apenas fican as lembranzas.

    Pero tamén o propio Francisco Franco é un dos protagonistas principais, xa que aparece en doce dos noticiarios. A constantes visitas a Galiza e as longas temporadas que pasaba no período de vacacións en Meirás contribúen a explicar as numerosas aparicións de Santiago ligadas á súa figura. Algunhas veces ora ante o Apóstolo ou faille unha ofrenda, aínda que encontramos exemplos doutras actividades, como a visita a unha exposición (1961), a entrega de títulos pola concentración parcelaria (1963), ou cando inaugura a ‘Escuela de Maestría Industrial’ (1967).

    Como curiosidades podemos encontrar a nova dun partido de baloncesto feminino en Santiago (1944), da sección feminina con motivo dunhas festas estudantís, ou a visita dunha “dama argentina”, Eva Perón (1947), con rúas e prazas ateigadas de xente e realizando a “tradicional” ofrenda a Santiago. Baño de multitudes. Son moi escasas as referencias á vida da poboación compostelá ou a eventos locais. Así, vemos o premio a un artista infantil (1958) ou o baile de las “debutantes” (1969), aínda que tamén encontramos a ampliación de Labacolla (1965) ou a inauguración do mercado nacional de ganado (1971).

    A lista completa de aparicións de Santiago no No-Do pode consultarse no inventario.

    Etiquetas:

    Deixar unha resposta