Nosa cidade atopamos moitas persoas vinculadas co mundo cinematográfico, que contribúen á creación da historia fílmica de Santiago. Xa sexan naturais da cidade ou compostelás de adopción, todas manteñen ou mantiveron un importante vínculo coa capital galega.
Unha das persoas máis relevantes nos comezos da relación entre cinema e Compostela foi Isaac Fraga Penedo, o empresario galego máis importante do sector audiovisual. En 1909, instalou un gran cinema ambulante durante as festas do Apóstolo e tras o seu éxito, alugou varias salas de cine na cidade e converteuse en exhibidor cinematográfico. Anos despois, en 1920, instalou na cidade o Taller de Arte e Propaganda da Empresa de Espectáculos Fraga, onde traballou como escenógrafo, deseñador e publicista Camilo Díaz Baliño.
Vinculado coa exhibición fílmica, tamén cómpre falar do cinéfilo compostelán Ezequiel Méndez, que nos anos 60 funda o primeiro Cineclube en Compostela. Actualmente, a cidade continúa contando con diversos espazos de proxección como a sala de cinema Cinesa, o centro social Gentalha do Pichel, onde proxecta o Cineclube Compostela e o local do innovador proxecto de NUMAX.
Para falar das primeiras imaxes en movemento sobre a cidade remontámonos a 1910, no que José Gil filma Santiago, la Atenas de Occidente (1910), a primeira gravación sobre Compostela da que temos noticia. Pero non foi o único que mostrou interese por Compostela senón que desde 1910 atopamos numerosas gravacións realizadas na nosa cidade, como as imaxes do derrubamento do modernista Edificio Castromil, gravadas polo equipo de cinema independente Lupa, do que formou parte Euloxio R. Ruibal.
Na década dos 80 deu os seus primeiros pasos no audiovisual Raúl Veiga Rouriz como guionista e dirixiu a súa primeira longametraxe en 1994, a única rodada en galego nos anos 90; desde entón guioniza e dirixe as súas propias obras. Tamén no mundo do guión e dirección destacan Fernando Cortizo, especializado en animación stop motion, coñecido polo seu filme O Apóstolo (2012) e Alfonso Zarauza, galardoado cineasta que nos agasallou con dous filmes ambientados na súa cidade natal, A noite que deixou de chover (2008) e Encallados (2013). Outros composteláns que encamiñaron a súa traxectoria profesional ao mundo da dirección son Jairo Iglesias e Iván Seoane, galardoados con diferentes premios, mentres que Nico Campos dirixiu a súa carreira audiovisual ao guión. Tamén é natural de Compostela Aldara Pregue, realizadora que comezou a súa andaina audiovisual no ano 2011 e que mostra un especial interese en traballar ao redor da idea de memoria.
Non obstante, hai numerosas e numerosos cineastas cun forte vínculo coa nosa cidade, aínda que non sexan naturais de Compostela, como Margarita Ledo Andión, natural de Castro de Rei pero compostelá adoptiva; investigadora e cineasta con numerosos recoñecementos, estreouse como directora cinematográfica en 2004. María Carballeira é outra compostelá adoptiva, xa que vive na cidade desde que rematou os seus estudos na USC, onde compaxina o seu labor de mestra co de guionista. Ao igual que Araceli Gonda, que tamén veu para estudar na universidade e no ano 2004 comezou a traballar como guionista; entre os seus traballos destaca a colaboración no guión de 18 comidas, que recibiu o premio a mellor guión nos Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual.
Ligado a Santiago tamén está Pela del Álamo, que experimenta como director por primeira vez con A cuarta pista (2006) e que dirixe, desde 2013, o festival compostelán Curtocircuito, que xunto con Cineuropa e Amal, forman o grupo de festivais audiovisuais da capital galega. Tampouco podemos esquecer a Sonia Méndez, actriz, directora, produtora e guionista, que creou a empresa Cósmica Producións en Compostela xunto á produtora Nati Juncal.
Vinculados ao proxecto NUMAX atopamos a Ramiro Ledo, xornalista e director de cinema, que foi un dos socios fundadores do proxecto e cofundador do Cineclube de Compostela. Tamén Xan Gómez Viñas está relacionado con NUMAX, onde é socio traballador; director e xornalista, codirixiu a longametraxe documental Fóra (2012) con Pablo Cayuela, realizador, director de fotografía e montador de vídeo, responsable de vídeo do Laboratorio NUMAX. Os tres están incluídos na lista de cineastas do Novo Cinema Galego, xunto aos xa mencionados Margarita Ledo Andión e Pela del Álamo, e á realizadora Helena Girón, natural de Compostela e especializada en cinema documental ao redor da mitoloxía, o materialismo e a percepción.
En relación co mundo audiovisual, cómpre falar tamén do papel da interpretación. Compostela conta con grandes revelacións no mundo da interpretación como Airas Bispo e Manuel Lozano, que sendo uns nenos de tan só 9 anos participaron como actores por primeira vez, Airas Bispo na curtametraxe Amelia e as sereas (2007) e Manuel Lozano como protagonista do filme A lingua das bolboretas (1999), sendo nomeado aos Premios Goya como mellor actor revelación. No 2004, unha das candidaturas ao Premio Goya como mellor actor revelación volve ser para un actor compostelán, Tamar Novas, quen consegue o galardón grazas á súa interpretación en Mar adentro. Dez anos despois, Nerea Barros consegue o Premio Goya á mellor actriz revelación por La isla mínima. Outro dos actores composteláns que conseguiu un galardón nos Premios Goya é Luis Zahera, que acadou no ano 2019 o Goya ao mellor actor secundario polo seu papel en El reino.
Vinculados co mundo do teatro destacan as actrices Pilar Pereira Carballo, Patricia Vázquez e Comba Campoy, naturais de Compostela e con senllas aparicións en cinema e televisión. Tamén Andrés Pazos e Antonio Casal comezaron no mundo da interpretación teatral, antes de dar o salto á gran pantalla. Mais, sen dúbida, á hora de falar de teatro non podemos deixar atrás a Roberto Vidal Bolaño, veciño de Vista Alegre e homenaxeado polo Día das Letras Galegas en 2013 polo seu labor pioneiro na dramaturxia profesional en Galiza. Vidal Bolaño conta cunha descoñecida faceta no mundo do audiovisual e actuou en filmes como Sempre Xonxa (1989) ou A noiva de medianoite (1997).
Tamén é compostelán Farruco, humorista e actor, coñecido polos seus monólogos humoristas e pola súa aparición televisiva na serie Terra de Miranda. Monti Castiñeiras e Sabela Arán tamén adquiriron gran recoñecemento grazas á súa aparición televisiva, pero ambos levaron a cabo labores de interpretación na gran pantalla en filmes como por exemplo Sicixia (2016) e Vilamor (2012), respectivamente.
Alba Galocha é outra figura compostelá da que non debemos esquecernos; comezou a traballar como modelo aos 18 anos e deu os seus primeiros pasos no mundo do audiovisual como actriz protagonista para a curtametraxe Jewel Power for Freedom lovers (2014), en 2016 deu o salto á gran pantalla de man de El hombre de las mil caras e en 2020 interpretou a Vega na serie de televisión Néboa.
A relación da interpretación con Compostela non para aí, senón que moitas actrices e actores están afincados na nosa cidade ou teñen un vínculo coa cidade por diferentes motivos: laborais, de formación, etc. Un bo exemplo é Camila Bossa, nada en Colombia pero de raíces compostelás. Viviu boa parte da súa vida nesta cidade, onde comezou actuando para o teatro universitario en 1994 pero recoñecida polos seus papeis de Belinda en Mareas Vivas e de Adriana Calderón en Matalobos. Tamén viven en Compostela Iria Sobrado, actriz de teatro e televisión, e os actores Alberto Rolán e Xosé Barato, que botaron raíces na capital galega, sendo este último o actual presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galiza.
Camila Bossa Tamar Novas Alba Galocha
O ribadaviense Ernesto Chao desenvolveu unha longa traxectoria profesional en Compostela, e aínda que é recoñecido polo seu papel na serie Pratos Combinados conta cunha consolidada traxectoria no mundo da interpretación teatral. Tamén Xosé Manuel Olveira, coñecido como Pico, pasou boa parte da súa vida en Compostela, onde consolidou a súa intensa traxectoria no mundo da interpretación.
Gran vínculo coa nosa cidade tamén teñen Luís Tosar e Mabel Rivera, que comezaron actuando na cidade compostelá, onde residiron un tempo. Natural de Lugo, Luís Tosar fíxose coñecido tras o seu papel en Mareas Vivas e logrou un extenso currículo con diversos premios. Pola súa banda, Mabel Rivera, naceu en Ferrol e comezou a traballar no audiovisual de man de José Luís Cuerda en El bosque animado (1987), aínda que o papel que a fixo recoñecida foi a interpretación de Balbina para a serie de televisión Pratos Combinados.
E, por último, non podemos deixar atrás aos profesionais da interpretación vinculados co Grupo Chévere, unha compañía de teatro independente creada en Santiago no ano 1987, con sede actual en Teo. Miguel de Lira foi membro fundador de Chévere e está vinculado co mundo do teatro como parte do núcleo artístico estable desta compañía, aínda que tamén ten unha intensa traxectoria como actor de cinema e televisión, que adquiriu gran popularidade co seu papel de Evaristo Currás en Mareas Vivas. Xunto a Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo é unha das actrices estables da compañía, da que forma parte do desde 1994; no mundo do cinema fixo interesantes interpretacións como a de Eroski Paraíso (2019), pola que recibiu o Premio Mestre Mateo á mellor actriz protagonista.
A traxectoria de Manuel Cortés tampouco se entende sen falar da Sala Nasa e do Grupo Chévere, ao que se incorporou en 1992, aínda que tamén ten unha fonda traxectoria no mundo audiovisual. Tamén a experiencia de César Goldi pasa por Chévere, compañía da que forma parte para algúns espectáculos, ademais de actuar en cinema e televisión. Outra actriz vinculada a esta compañía teatral é Mónica García Pérez, natural de Luarca pero afincada en Compostela, que ademais de actriz teatral conta cunha ampla experiencia na interpretación audiovisual.
Na nosa sección de Biografías podes encontrar a biografía de máis de 50 persoas relacionadas co cinema e con Compostela.