Saltar ao contido

Paseando no tempo (1915-1939)

    Unha das grandes satisfaccións que nos dá o cinema en relación a Santiago é podermos viaxar no tempo. Evadirnos do presente e pasear o pasado é doado. Non o é tanto se pensamos no futuro, sobre o cal aínda está case todo por dicir. A ciencia ficción na capital galega pouca ou ningunha atención mereceu de momento. Co avance do tempo, veremos novos rostros e roupas, percibiremos a mutación dos negocios e da propia tecnoloxía e estética cinematográfica. Até chegarmos a finais do século XX, cando o incremento imparable do turismo implique a transformación da economía local e a metamorfose da zona vella, converténdose cada día máis nun lugar para visitar, acudir a eventos e pasear, e menos para vivir ou facer o noso día a día. Nas nosas vidas gañan protagonismo e centralidade novos e vellos barrios, todos extramuros. A zona nova, as Fontiñas, Vite, as Cancelas ou Santa Marta, son exemplos deses novos referentes vitais que, a pesar do innegable protagonismo da zona vella, van tendo representación tamén a nivel audiovisual. E polo camiño, iremos vendo aparecer e desaparecer espazos, sendo o Edificio Castromil o grande e anelado exemplo.

    O Ano Santo em Compostela (1915), Manoel Cardoso Pereira

    O cinema regálanos suficientes testemuños como para corroborar que a zona vella compostelá apenas mudou desde 1915, data da primeira gravación conservada onde aparece a nosa cidade. Manoel Cardoso Pereira realizou a propogandística O Ano Santo em Compostela, por iniciativa do cardeal Martín de Herrera. Nela, antes de perseguir pola rúas os actos dese ano santo, ofrécenos fermosas panorámicas dun Pedroso pelado no cumio, e dunha cidade maxestosa na distancia, aínda que ben menor que a actual, coa facultade de Medicina en construción, e dos seus arredores. Lembremos que a poboación rexistrada en Santiago en 1910 era só de 24.120 persoas, mesmo ano en que se eliminan os atrancos legais que impedían o acceso das mulleres á USC. Directamente relacionado coa tardía chegada do cinematógrafo a Compostela, só en 1902 comeza a chegar a electricidade ás nosas rúas, habendo aínda 749 farois a gas en activo no ano 1917. Despois desas imaxes panorámicas iniciais, a cámara de Cardoso Pereira enfoca a entrada á Alameda, onde vemos como o rural se entretecía co urbano. Carros de vacas, xatos e cabalos crúzanse sen moita cerimonia coa procesión que entra na zona vella. Vemos tamén pendurar un deses farois antes mencionados, probablemente de gas.

    Salta a imaxe despois para diversos espazos, como a rúa do Vilar ou a Praza das Praterías. Vemos o cortexo cívico, os xigantes, a procesión e o desfile final.

    Entre 1922 e 1923 grava Camilo Díaz Baliño o filme Compostela, do cal só se conservan seis celuloides (Legado Díaz Pardo), onde se nos mostra a cidade como urbe sobrenatural, alternando textos explicativos e escenas que van do cotiá (carrozas das festas) ao expresionismo.

    Compostela (1922/1923), Camilo Díaz Baliño. Fondo Camilo Díaz Baliño – Arquivo Díaz Arias de Castro. Imaxe extraída do libro “O legado pioneiro de Camilo Díaz Baliño. Unha biografía artística“, de Iria-Friné Rivera Vázquez (Dr. Alveiros-Fundación Vicente Risco, 2021).
    La casa de la Troya (1924) Manuel Noriega e Pérez Lugín

    Tres anos despois podemos retomar as rúas compostelás grazas á primeira versión fílmica de La Casa de la Troya, de 1924, obra de Manuel Noriega e o propio autor, Pérez Lugín. No comezo do filme encontramos lindas escenas das rúas da zona vella mollada pola chuvia e mesmo entramos nun bar (talvez o Suízo da Rúa Nova?). Tamén podemos observar como aínda está na “Plaza del Hospital” a estatua de Montero Ríos (trasladada en 1928 á Praza de Mazarelos).

    Destaca de 1928, un filme doméstico do fondo familiar dos Baltar, onde aparecen imaxes da Alameda e da Senra desde a Carreira do Conde. Enxérgase, por exemplo, a fonte de San Clemente da Alameda situada no cruzamento da rúa da Senra co Campo da Estrela e que reencontraremos na seguinte entrega de Paseando no tempo (1943-1953).

    Un viaje por Galicia (1929), Luis Rodríguez Alonso

    Grazas ao palentino Luís Rodríguez Alonso, podemos pular até o ano 1929 e ver o Santiago monumental recollido no seu Un viaje por Galicia, documental realizado para a Exposición Universal de Sevilla.

    Comezando tamén cunha panorámica, desta vez a tradicional da Catedral e arredores desde a Alameda. Descríbese a nosa cidade como “cuna de prelados y trovadores” e centra a súa atención na Catedral e nos catro elementos da daquela chamada “Plaza del Hospital”. Dedica tamén momentos a diversas rúas, como a do Vilar, onde vemos como se cruza unha leiteira cun coche da época, ou a Praza de Cervantes e finaliza, como non, coa ofrenda ao Apóstolo.

    Por desgraza, dentro da marxe temporal proposta para este artigo, non tivemos acceso a gravacións como a primeira coñecida, Santiago, la Atenas de Occidente (1910), de José Gil, nin a outras que poderían ser de grande interese, como a Compostela (1921) de Camilo Díaz Baliño, a Compostela (1926), do catedrático Armando Cotarelo Valledor, ás dúas curtametraxes de Carlos Velo, Galicia y Compostela (1935) e Santiago de Compostela / Saudade (1936), ou á La Casa de la Troya (1936), de Juan Vila Vilamala e Adolfo Aznar.

    Na seguinte entrega convidarémosvos a pasear polas nosas rúas e xentes a través de diversas gravacións feitas a partir das primeiras emisións do No-Do.

    [Todas as etapas: 1915 a 1939, 1943 a 1953, 1954 a 1964, 1965 a 1975 e 1976 a 1986]

    Etiquetas:

    Deixar unha resposta