Saltar ao contido

Paseando no tempo (1976-1986)

    Comezamos este paseo no tempo no ano 1915, cando Santiago contaba con case 25 mil habitantes, e rematarémolo en 1986, roldando os 85 mil. Nesta década que vai do 76 ao 86 muda o réxime político, a cidade continúa a medrar e gaña a capitalidade da nova autonomía. Será o ano 1976 o das últimas aparicións de Compostela no No-Do, que aínda sobrevivirá uns anos, até 1981. Xa falecido Franco, serán o rei Xoán Carlos I e familia quen en agosto visite a cidade e faga a ofrenda ao Apóstolo, para en setembro ser 5 mil membros da OJE (Asociación Juvenil Española) quen peregrinen a Compostela.

    É nese ano 76 un momento de repensarse, e así chega o I Seminario Internacional de Arquitectura en Compostela, dirixido por de Aldo Rossi e organizado polo Colexio de Arquitectos de Galicia. Este Seminario destaca porque nel se falou sobre o propio oficio de arquitectura e a diversidade, mais tamén tiña como tese de partida o estudo de Compostela “visto dende fóra dos esquemas de restauración ou museográficos”. O Seminario foi gravado por Llorenç Soler e ofrece imaxes non só das conferencias, senón tamén dos previos, onde se fala do propio documental, e da cidade, da cal podemos ver múltiples lugares, antes das numerosas intervencións das décadas posteriores, e xentes. Destacan, por exemplo o cemiterio de Bonaval aínda co osario á vista e lonxe de ser o parque de hoxe en día, a Trisca tamén sen parque, centro sociocultural ou asfalto, unha Praza de Galicia xa sen o Edificio Castromil, un ensanche en plena ampliación ou Vite en plena construción, entre outros moitos espazos que mudaron ao longo das seguintes décadas e que continúan a mudar.

    Moi curioso e interesante é o programa Vivir cada dia – Vida de estudiantes, de RTVE, ‘docudrama’ que amosa a vida do estudantado universitario de Santiago de Compostela en 1981, cuxos protagonistas son “personas de la vida real”.

    Fotograma da visita de Año Santo Compostelano (1983), Amando de Ossorio.

    Do documental Año Santo Compostelano (1983), de Amando de Ossorio, podemos rescatar imaxes da visita do Papa Xoan Paulo II, así como o momento en que fala en galego nunha ateigada Praza do Obradoiro.

    No ámbito da ficción, estes son anos pouco afortunados e a presenza compostelá será mínima, tendo A contratiempo (1982, O. Ladoire) imaxes da Sala Yago e de diferentes rúas, mais non foi posible, como noutros moitos casos, acceder á película completa. Debemos chegar á serie Los Pazos de Ulloa (1985, G. Suárez) para encontrar con facilidade imaxes da cidade. En Rtve.es podemos mesmo acceder a unha pequena reportaxe sobre a gravación da serie, onde o director, Gonzalo Suárez, di que o único inconveniente que encontraron foi o sol, xa que esperaban a “típica” chuvia, que deberon simular con mangueiras. No Obradoiro podemos ver, por exemplo, a Victoria Abril. No capítulo I da serie encontramos esa zona vella que case sempre se resiste a chover, e tamén entrevemos ao compostelán Roberto Vidal Bolaño como extra, traballando no Hotel Comercial. Da man dos protagonistas percorremos a zona vella ao redor da Catedral e a Alameda.

    Termina aquí este paseo. A partir da segunda metade dos anos 80 a cidade xa comeza a parecerse moito ao que somos hoxe en día, ou os vestixios desa etapa aínda son evidentes. Vaiamos á súa procura e coñezámolos en persoa.

    [Todas as etapas: 1915 a 1939, 1943 a 1953, 1954 a 1964, 1965 a 1975 e 1976 a 1986]

    Etiquetas:

    Deixar unha resposta