Xa deixamos atrás a Compostela de 1915 a 1939, de 1943 a 1953, e de 1954 a 1964. Percorremos agora a década que vai de 1965 a 1975, onde a cor vai tomando as pantallas, sendo aínda máis perceptible a continúa mutación de Compostela, que xa desborda claramente os antigos límites da zona vella.

As quince aparicións da nosa cidade no No-Do no ano 1965 son boa pista de que nos encontramos en Ano Santo. Xa o día 1 de xaneiro a Revista Imágenes está dedicado á Peregrinación a Compostela, onde seguimos algunhas etapas da peregrinación de la “Juventud de España”, entre elas a entrada en Compostela pola actual Rúa do Valiño. O día 25 de xaneiro dáse publicidade á ampliación do aeroporto de Lavacolla, no que se traballa “día e noite”. O inicio da nova regálanos unha imaxe aérea grazas á cal podemos percibir as novas dimensións da cidade e do seu crecente “ensanche”. En xuño vemos a homenaxe a Manuel Fraga Iribarne, daquela ministro de turismo, e a peregrinación que organizou.
En agosto, o ditador Franco terá unha intensa axenda, facendo a xa típica ofrenda ao Apóstolo, sendo investido doutor “honoris causa” da Facultade de Ciencias ou visitando o flamante Burgo das Nacións na, daquela, “plaza de España”.
Xa en 1966, Franco inaugura a “Escuela de Maestría Industrial”, hoxe IES Monte de Conxo. Tres anos máis tarde recibe atención o “baile das debutantes” no patrio de San Marcos do Hostal dos Reis Católicos, onde os valses dan paso a outros bailes máis “en voga”. Seguindo a saga inauguradora, en agosto do ano 71, Franco presidiu o acto de inauguración do “Mercado Nacional de Ganado”, nunha das últimas aparicións do cardeal Quiroga Palacios, quen falecerá meses despois.
Fotograma da inauguración da “Escuela de Maestría Industrial” (28/08/1967 – Fonte: Rtve.es) Fotograma do “baile de debutantes (04/08/1969 – Fonte: Rtve.es) Fotograma da inauguración do Mercado Nacional de Gando (23/08/1971 – Fonte: Rtve.es) Fotograma da inauguración do Mercado Nacional de Gando (23/08/1971 – Fonte: Rtve.es) Fotograma da inauguración do Mercado Nacional de Gando (23/08/1971 – Fonte: Rtve.es)
Nos arquivos da RTP portuguesa descubrimos unha nova sobre a “celebração do Dia do Santiago” de 1965. Para alén da visual da cidade desde o alto da Catedral, encontramos algunha imaxe das rúas da zona vella. Nunha delas podemos intuír ao fondo o Café Español.
Sen dúbida, un dos máis interesantes documentais feitos sobre Compostela é Conozca usted España: Santiago de Compostela (1967), de Claudio Guerín, que ofrece unha visión moi diferente á dada até o momento e que xerou polémica na época. Son múltiples os espazos e recunchos da cidade que aparecen na pantalla, talvez por primeira vez. A gravación dá tamén grande protagonismo ás persoas coas que se cruza a cámara, ofrecéndonos moitos primeiros planos. Paseamos da súa man a praza de abastos, onde escoitamos e vemos as vendedoras, durante uns segundos cruzámonos coas irmás Fandiño e os Beatles acompáñannos nun paseo que dá conta dunha Compostela onde conviven rural e urbano, tradición e modernidade. Imprescindible.
Para pechar o ciclo documental, O edificio Castromil (1975), do Equipo Lupa, recolle un momento histórico, o do polémico derrubamento do edificio Castromil, onde hoxe está a Praza de Galicia. Xa no ámbito da ficción, Cotolay (1965, J. A. Nieves Conde), onde podemos ver unha réplica case a tamaño real da primitiva fachada da catedral compostelá no século XIII, a maqueta estaba realmente en Melón. As rúas de Santiago no filme ás veces son, en realidade, de Ribadavia e hai gravacións feitas en diferentes lugares da provincia de Pontevedra. En moitas producións posteriores a presenza compostelá é escasa ou de pouco interese. Debemos esperar até La Voie Lactée / A vía láctea (1969, L. Buñuel), onde a cidade aparece brevemente, talvez debido a que Buñuel tiña prohibido gravar no Estado español.
Protagonismo central terá Compostela en Juan y Junior en un mundo diferente (1970, P. Olea), aínda que moi limitado a espazos como o Obradoiro ou o Hostal dos Reis Católicos, ou en En la red de mi canción (1971, M. Ozores), onde encontramos o mítico paseo-videoclip de Andrés do Barro en furgoneta pola zona vella ou paseos con Concha Velasco. En Flor de santidad (1972, A. Marsillach), retornamos brevemente á Compostela do século XIX. Despedímonos desta década chegando a La joven casada (1975, M. Camus), no cal unha noviña Ornella Muti aparece en ocasións paseando a nosa cidade.
[Todas as etapas: 1915 a 1939, 1943 a 1953, 1954 a 1964, 1965 a 1975 e 1976 a 1986]