Saltar ao contido

Paseando no tempo (1954-1964)

    Ana Mariscal na Cociña Económica, á cal se dedicou a recadación da estrea de ‘Misa en Compostela’ – El Correo gallego, 13/01/1954 (Fonte: Galiciana)

    Continuamos o noso paseo polas rúas de Santiago de Compostela a través do cinema. Se nos anteriores artigos demos pistas de 1915 a 1939, e de 1943 a 1953, pasamos agora a centrarnos na década que vai de 1954 a 1964.

    Iniciamos estes anos cunha ausencia, a da relixiosa Misa en Compostela (1954, Ana Mariscal), da cal, por desgraza, non dispomos doutras imaxes que as da directora saídas no xornal La Noche. Destaca por ser a primeira muller directora que encontramos traballando na nosa cidade.

    Fotograma de ‘Viento del Norte’ (1954, A. Momplet)

    Dese mesmo 1954 é o filme Viento del Norte, de Antonio Momplet, adaptación da novela de Elena Quiroga e de influencia pardobaziana. Compostela pouco aparece, aínda que se no anterior artigo nos despedíamos co hoxe “vedado” Santo dos Croques, nesta ocasión encontramos mans pousando na árbore de Xesé e reencontramos un paseo imposible a pesar de fotograficamente oportuno, o do carro de cabalos na Ferradura coa Catedral de fondo, que reencontraremos tres anos despois da man de Stanley Kramer en The Pride and the Passion (1957).

    Antes, en 1955 o No-Do emite Camino de Santiago, de Pierre Zimmer, onde encontramos imaxes das celebracións relixiosas do ano santo de 1954, e das multitudes congregadas. Desde a perspectiva de hoxe pode destacar a presenza de persoas en moitas xanelas da zona vella, indicador de estaren habitadas na altura. De entre as ínfimas pistas sobre a vida compostelá que podemos extraer do No-Do, en setembro dese mesmo ano 55 salientamos a visita de Franco ao colexio La Estila e a presentación que lle fan do proxecto de novas edificacións ou a entrega dun premio infantil en 1958 con presenza do arcebispo, e xa cardeal, Quiroga Palacios nunha ateigada Praza da Quintana. Da visita en 1960 de “escritores de turismo”, ficamos cunha imaxe moi presente nas gravacións, a de mulleres con pesos na cabeza, como a dunha lavandeira.

    En setembro de 1963 Franco fai entrega na Praza do Obradoiro de títulos tras a concentración parcelaria, desta vez as cámaras facendo non só planos xerais da multitude, senón tamén con primeiros planos das persoas asistentes.

    Retornemos a 1957 e a The Pride and the Passion (1957), de onde saen algunhas imaxes icónicas que relacionan Santiago co cinema, as de Cary Grant nesa praza do Obradoiro antes mencionada. Nin Sinatra nin Sofia Loren viñeron a Compostela, a rodaxe aquí contou só con Grant e Kramer, aparecendo a nosa cidade menos de minuto e medio na metraxe final. Como xa vimos, aparece a Alameda, pasando a entrar nunha ateigada e alterada Plaza de España. Detense o vehículo diante do Hotel dos Reis Católicos, onde entra o Capitán Anthony Trumbull (Grant) para, milagres da ficción, entrar a entrevistarse co líder da resistencia, Miguel (Sinatra), que está en Ávila. É dicir, Santiago non aparece no filme como tal, senón como unha parte máis de Ávila.

    Moito máis interesante resultan as gravacións do emigrado a Montevideo Manuel Arís reunidas en Un viaje a Galicia (1958), que filmou entre 1953 e 1958 nas súas continuas viaxes a Galiza. Alí aparece un Santiago tópico pero cunha perspectiva menos restrinxida que a do No-Do. Así vemos con máis detalle a feira de Santa Susana, “dos personajes típicos, las Marías”, ou vistas desde a Catedral que nos descobren, por exemplo, o soar aínda baleiro en Rodrigo del Padrón.

    De 1959 é Honeymoon, dirixida polo británico Michael Powell e producida polo vigués Cesáreo González, roadmovie onde pouco máis que a Alameda ten protagonismo.

    Fotograma de ‘Honeymoon’ (1959, M. Powell)

    Nada comparable á presenza de Santiago na nova versión de La Casa de la Troya dirixida nese mesmo ano 59 por Rafael Gil, onde a capital galega é o escenario principal. Reencontraremos espazos e momentos xa visitados nas anteriores adaptacións, como a chegada da Carrilana, a entrada á universidade, a libraría Galí, a ponte do Carme de Abaixo (aínda que se fala de Belvís) coa pedrada ao protagonista incluída.

    Acariño galaico (De barro)(1961/1981–82/1995), de José Val del Omar, gravada entre 1961 e 1962, mostra imaxes de Santiago desde unha perspectiva experimental.

    De carácter ben oposto ao anterior é Así es Galicia (1964), dirixido para TVE por Santos Núñez. Paseo tópico pola Galiza da época, tendo Santiago un papel central, grazas ao cal podemos comprobar que a fonte de San Clemente xa non está no cruzamento da rúa da Senra co Campo da Estrela, ademais de vermos os xigantes en cor seguidos da rapazada camiño do Obradoiro.

    [Todas as etapas: 1915 a 1939, 1943 a 1953, 1954 a 1964, 1965 a 1975 e 1976 a 1986]

    Etiquetas:

    Deixar unha resposta