Saltar ao contido

Paseando no tempo (1943-1953)

    No noso anterior artigo demos pistas sobre o Santiago cinematográfico de 1915 a 1939, avanzamos agora de etapa no noso paseo e achegámonos aos anos que van de 1943 a 1953, tempo en que a nosa cidade gaña maior presenza.

    En 1942 comezan as emisións do No-Do e a primeira aparición de Compostela será o 1 de febreiro de 1943, Ano Santo, cunha breve información sobre o VII Consejo Nacional de la Sección Femenina. Son estas as primeiras imaxes após o fin da Guerra Civil, e só podemos ver a multitude na Praza do Obradoiro e na entrada á hoxe facultade de Xeografía e Historia. Días despois infórmase da clausura do encontro, con imaxes da cidade como a Praza da Quintana, con bailes de “sabor antiguo y tradicional”. Móstrase a presenza de Pilar Primo de Rivera no encontro, mais as imaxes ofrecidas non son en Santiago (talvez Coruña). En agosto dese mesmo ano móstrase unha peregrinación, inaugurando a que será unha longa serie de gravacións de temática xacobea. En setembro topamos co primeiro rexistro doutra longa serie, a das vistas e ofrendas de Francisco Franco. Tamén, vinte oito anos despois da primeira gravación, podemos ver de novo a entrada na zona vella desde a Alameda.

    Será en 1944 que encontremos un dos documentais do No-Do máis interesantes, Un día en Santiago, onde se nos mostra unha cidade de claroscuros, onde o xogo coas sombras é constante, talvez acorde cos tempos. Ademais das inevitables mostras de relixiosidade e monumentalidade, a cámara por momentos descende ás rúas e apañamos pebidas da realidade do momento. Temos, por exemplo, imaxes da feira de Santa Susana ou das aulas universitarias.

    Por un momento, podemos establecer paralelismos entre o documental e o filme La Casa de la Troya (1924). Por exemplo, ao ver o enfoque da entrada á Universidade ou co bedel anunciando o inicio da aula.

    Vemos estudantes, xente paseando, na entrada ao daquela Gran Hospital (hoxe Hostal dos Reis Católicos) ou traballando (como a aparición constante de mulleres cargando pesos sobre a cabeza).

    Pouco despois, tamén no No-Do, temos imaxes dun partido de baloncesto feminino en Santiago., ao lado dos colexios maiores, de recente construción. Enxergamos de fondo o Rodríguez Cadarso (de 1940). No ano 1947 estréase a primeira ficción compostelá da etapa franquista, La gran barrera, de Antonio Sau Olite, da cal non dispomos de imaxes. Máis accesibles son as imaxes dese ano da visita dunha “dama argentina”, Eva Perón, a Galiza, e o seu paso pola nosa capital, onde foi acompañada por multitudes.

    Se esquecemos os constantes estereotipos, en Sabela de Cambados (1948, Ramón Torrado), ademais de escoitar máis galego que en todas as gravacións anteriores, temos algunhas imaxes curiosas, como ver a fonte de San Clemente da Alameda situada no cruzamento da rúa da Senra co Campo da Estrela, onde había tamén unha gasolineira ou o Café Compostelano. Alí estivo a fonte entre 1899 e 1949. Misteriosamente, unha fonte moi similar aparece ese mesmo ano noutra localización, será na versión mexicana de La Casa de la Troya (1948, Carlos Orellana). Se vemos os detalles decatámonos de que non é a mesma, imposible, xa que o filme foi rodado en México. É un Santiago recreado en estudo, como tamén o fora na adaptación da mesma novela de 1930, In Gay Madrid.

    En maio do 48 o No-Do ofrécenos unha vista parcial dos andamios que sustentaban a construción do polémico Banco de España na Praza de Praterías, a mesma praza que causou outra polémica, o do uso indiscriminado de auga para rodar un día de chuvia en pleno agosto para o filme Tiempos felices (1950, Enrique Gómez), do cal apenas dispomos de dúas fotos do xornal La Noche. Había que dar cumprida conta dos estereotipos.

    Novamente, o No-Do regálanos momentos curiosos, como a visita duns marines norteamericanos, onde entrevemos a tenda Comercial Mateo na Praza do Toural, a breve visita do presidente de Liberia ou a impresionante e papal chegada do cardeal Quiroga Palacios ou o “sermón das sete palabras”.

    A primeira vez que vemos Santiago en cor é grazas á restaurada Peregrinaxe lírica aos lugares rosalianos (1951), que nos regala poucas imaxes novidosas da cidade, aínda que destaca, tamén por primeira vez, a presenza de personaxes da cultura galega da época.

    A la paz de Dios (1952, Antonio Isasi-Isasmendi) devólvenos ao branco e negro, e só podemos destacar unha imaxe hoxe case imposible, a do encontro cabeza con cabeza co suposto santo dos Croques.

    [Todas as etapas: 1915 a 1939, 1943 a 1953, 1954 a 1964, 1965 a 1975 e 1976 a 1986]

    Etiquetas:

    Deixar unha resposta