Saltar ao contido

Mulleres creadoras

    O eido audiovisual sempre foi un contexto de marcada presenza masculina, onde o labor das mulleres foi invisibilizado, pese ao seu importante papel ao longo da historia do cine. Se nos retrotraemos aos comezos da historia do cinema destaca unha figura fundamental que habitualmente é ignorada e esquecida, Alice Guy-Blaché, a primeira muller cineasta e a primeira narradora visual do cinema. Alice Guy foi unha pioneira na utilización de gravacións cun gramófono á par que as imaxes, así como un papel clave na produción das primeiras películas sonoras, entre outras innovacións. Durante a súa traxectoria profesional dirixiu, produciu e supervisou máis de 600 películas de xéneros diversos e foi propietaria e directora do seu propio estudo de cine.

    A comezos do século XX tamén cómpre falar e reivindicar o papel de importantes cineastas como a estadounidense Lois Weber, directora, produtora e actriz, que foi a primeira muller en dirixir unha longametraxe. No contexto europeo do século XX, destaca Ana Mariscal, actriz, produtora e unha das mellores directoras do cine europeo deste século. Entre os seus traballos está Misa en Compostela (1954), o primeiro audiovisual rodado en Compostela por unha muller, que nos dá boa mostra do interese que había xa daquela pola nosa cidade como escenario cinematográfico.

    Sara (2003), Silvia Quer

    Aínda que a presenza de mulleres creadoras foi aumentando paulatinamente no eido audiovisual, temos que agardar até o ano 2003 para atoparmos a segunda pegada audiovisual dunha muller na capital galega. Falamos de Sara (2003), un filme dirixido por Silvia Quer, no que se aborda a violencia machista e os malos tratos dentro dunha relación de parella.

    A partir deste ano e até a actualidade, o número de producións audiovisuais realizadas por mulleres na nosa cidade aumentou notablemente e deixounos interesantes pezas de orixes e temáticas moi diversas. Nalgunhas destas pezas a cidade é a protagonista da historia e noutras, aparece como escenario fílmico no que se desenvolve a acción.

    Xisela Franco utiliza a cidade como protagonista do seu documental Santiago, olladas de perfil (2015), onde a voz de Encarna Otero nos conduce por Compostela para mostrarnos diferentes aspectos do traballo feminino ao longo da historia. Tamén é un bo exemplo do protagonismo da cidade no audiovisual o segundo episodio da serie documental Ciudades españolas Patrimonio de la Humanidad. Belén Molinero fálanos, nesta segunda entrega, titulada Santiago de Compostela (2016) da lenda que deu orixe á cidade e convídanos a percorrer os lugares máis emblemáticos da capital galega. Deste mesmo xénero tamén se rodou en Compostela un documental web de catro episodios titulado Monumento (2017) e realizado por Inés Perez, Laura Pico e Iria Santos. O seu capítulo, Santiago, afástanos da zona vella para achegarnos á problemática ambiental do río Sar.

    Ademais, graváronse en Compostela outros documentais como Isaac, editor da memoria (2010) no que as integrantes de Illa Bufarda recollen a historia de Isaac Díaz Pardo; As dúas en punto (2016) de Alba Cambeiro, baseado na vida das irmás Fandiño, coñecidas como As Marías; e A poeta analfabeta (2020), onde Sonia Méndez retrata a historia da poeta e activista Luz Fandiño. Todos estes documentais teñen uns claros protagonistas acollidos no ambiente de Compostela, onde a cidade ten un papel secundario pero de gran relevancia. Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, de Illa Bufarda, tamén levaron a cabo Negro Púrpura (2021), parcialmente gravada na nosa cidade, unha longametraxe documental que “retrata a Galiza do s. XX a través do cláviceps purpúrea, un fungo alucinóxeno que agroma nos cereais e que abre as portas a unha historia tan curiosa, sorprendente e descoñecida como importante no devir da nosa cultura e da economía dunha época”, como elas mesmas contan.

    Porén, non só se rodaron documentais na capital galega, senón que atopamos diferentes producións audiovisuais, que van dende documentais até series web, pasando por longametraxes e curtametraxes. Deste último formato, atopamos na nosa cidade diversos traballos de directoras como Mireia Giró, a primeira directora en rodar unha curtametraxe en Compostela, que, baixo o título Te quiero mal (2005) presenta unha metáfora sobre o amor e a cegueira. Outras curtametraxes gravadas na cidade son Bechos raros (2006), cuxo guión de Estíbaliz Burgaleta e Alegría Collantes foi gañador do concurso estatal de guións para curtametraxes de ficción Compostela Plató, dentro do III Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela; En teoría (2006) de Lidia Fraga; Leo y Mario (se dejan) (2011) de Sonia Méndez; e A caza dos gatos (2011) da poeta Xiana Arias, asinada como Lara Tigre, en solidariedade coa Casa das Atochas tras o seu desaloxo.

    Un formato novidoso no eido audiovisual e que está creando gran sensación entre o público é a serie web, da que atopamos un bo exemplo con Xan (2019), premio a proxecto no Festival Carballo Interplay 2019 e nominada aos premios Mestre Mateo 2020, que foi realizada entre Compostela e Madrid pola viguesa Lucía Estévez. Neste formato tamén atopamos a serie Amnesia 3.0 (2020). Non obstante, esta serie vai un paso máis alá da proxección e busca tamén a interacción do público, de modo que estamos ante a primeira web serie interactiva en galego, escrita e dirixida por Irene Pin e producida por Natalia Porca e Cristela Torres.

    A estación violenta (2017), Anxos Fazáns

    En canto aos filmes, cómpre destacar A estación violenta (2017) de Anxos Fazáns, a primeira longametraxe da directora, na que fai unha adaptación libre da novela homónima de Manuel Jabois.

    Mais non é a única película dirixida por unha muller en Compostela, senón que a nosa cidade tamén serviu como escenario para o traballo de varias directoras internacionais, que se viron atraídas pola historia do Camiño de Santiago, como a francesa Coline Serreau, quen rodou o filme Saint-Jacques… La Mecque (2005) entre Francia e Compostela. Tamén Christine Kabisch utilizou a peregrinación como tema principal para o seu filme Ich trag dich bis ans Ende der Welt (2010), ao igual que a coñecida directora e guionista alemá Julia von Heinz, quen rodou Ich bin dann mal weg (2015), unha adaptación do best-séller homónimo de Hape Kerkeling, no que o escritor describe a súa peregrinación a Compostela. Pero non só se realizaron filmes de ficción ao redor do Camiño de Santiago, senón que tamén atopamos documentais como Walking the Camino: Six Ways to Santiago (2010) de Lydia B. Smith, co que convida ao público a reflexionar sobre a súa propia vida.

    Etiquetas:

    Deixar unha resposta