“Non hai mellor marco para rodar a nosa historia que as rúas de Compostela. Testemuña de idas e vindas, alegrías, tristezas, amores e desamores. Durante tantos e tantos días, as pedras molladas da cidade documentaron fotograma a fotograma o que somos hoxe e sentímonos profundamente orgullosos e orgullosas diso.”
Ghaleb Jaber Martínez, director do festival Amal
O eido audiovisual é un dos sectores máis activos do panorama cultural galego, con propostas artísticas de grande nivel e variedade, abranguendo todos os xéneros e formatos. Nas últimas décadas, os festivais de cinema teñen un grande peso, xa que actúan como activadores do talento audiovisual. Centos de proxeccións e ducias de actividades paralelas fan destes eventos espazos fundamentais para a promoción de contidos audiovisuais, aos que acoden milleiros de persoas.
Compostela acolle seis festivais diferentes ao redor do audiovisual, unha aposta polo cinema que vén de lonxe, xa que na nosa cidade se realiza un dos festivais máis lonxevos de Galiza, Cineuropa, o de maior traxectoria na nosa cidade.
Xurdiu dentro do programa “Encontros Europeos do Camiño de Santiago” no ano 1987. Esta primeira edición de Cineuropa tivo lugar entre o 24 e 30 de outubro nos xa desaparecidos Multicines Valle Inclán e estreouse cunha sesión musicalizada en directo de Carmiña, flor de Galicia, de Rino Lupo (1926). Un filme xa proxectado en Compostela o 28 de febreiro de 1927 no antigo Teatro Royalty, estreándose na nosa cidade en compañía do coro Cantigas e Agarimos.
Desde aquela, e de forma ininterrompida agás en 1995, o Concello de Santiago celebra este festival anualmente no mes de novembro con proxeccións en diferentes espazos da cidade: Teatro Principal, Salón Teatro, Sala NUMAX, Multicines Compostela, Museo das Peregrinacións e Auditorio de Galicia.
As seccións oficiais ofrecen unha gran heteroxeneidade de títulos internacionais, europeos e galegos. E recoñecen a traxectoria de diferentes persoeiros do audiovisual co premio Cineuropa como a Margarita Ledo Andión, quen recibiu este galardón pola “súa infatigable loita pola memoria e o rol feminino na Historia do noso país a través dun vivificante e poético universo cinematográfico”.
Ademais, o seu amplo programa conta con diferentes ciclos que varían en cada edición, contando con actividades paralelas como obradoiros para crianzas, mesas de debate ou conferencias.
Co paso do tempo, outros festivais fóronse asentando na cidade baixo o obxectivo de potenciar a creación cinematográfica. Así é como no ano 2003 o Concello de Santiago de Compostela promove a celebración do Curtocircuíto – Festival Internacional de Cine. Inicialmente, este festival centrábase na proxección de curtametraxes mais co paso do tempo integrou na súa programación longametraxes e todo tipo de formatos audiovisuais.
Nos últimos anos, converteuse nun festival interdisciplinar que abrangue na súa programación outras disciplinas tales como a fotografía, a arte sonora, a etnografía, a música ou a literatura, sempre en diálogo co cinema. Desta forma, enriquécese a experiencia do espectador e rompe as convencións e constricións propias dos festivais tradicionais.
Na Sección Oficial compiten filmes de todo o mundo e nas seccións paralelas ofrecen unha programación que abarca diferentes formatos e duracións, sendo habituais propostas transgresoras e experimentais; ademais dun amplo programa de actividades paralelas ao redor da creación contemporánea. Destaca aquí, a celebración do concurso #OutraCompostela, unha actividade de carácter creativo e experimental, dirixida ao alumnado de Ciencias da Comunicación, que consiste na elaboración dunha peza audiovisual que lle permita levar á práctica os coñecementos e habilidades adquiridos na facultade; unha experiencia na que se dá a oportunidade de asumir a experimentación e o risco.
Tamén no ano 2003 ten os seus comezos o Festival Internacional de Cine Euro-Árabe AMAL, que ofrece a realidade do mundo árabe a través do cinema. Organizado pola Fundación Araguaney – Puente de Culturas, naceu coa premisa de achegar a cultura árabe a Galiza. Na primeira edición presentáronse catro longametraxes, dúas curtas e un documental, onde se tratan como temas principais o conflito palestino–israelí, a situación da muller, a inmigración marroquí e a tolerancia entre culturas; mentres que a segunda edición se proxecta o documental palestino/suizo Al–Sabbar (Cactus) con estrea simultánea en Nazaret e Compostela, establecendo a unión entre as dúas cidades santas en pleno ano Xacobeo.
Co paso das edicións, o festival foi arraigando con forza na nosa cidade, ampliou o número de exhibicións audiovisuais e ofreceu unha morea de actividades complementarias como xornadas de gastronomía árabe, exposicións fotográficas ou ciclos didácticos de curtas para crianzas. Desta forma, pasou a convertese nun espazo intercultural que mostra o mellor cine euroárabe independente e de contido social. O seu programa anual rematou por converter este evento nun imprescindible na axenda cultural de Compostela, onde son recorrentes o conflito palestino-israelí, a busca de identidade e o papel das mulleres no mundo árabe.
Varios anos despois nace a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), concretamente no ano 2006. Xorde como un evento do Museo do Pobo Galego, que pretende dar a coñecer os traballos audiovisuais relacionados coa etnografía e a antropoloxía. Na edición de 2016 converteuse en certame internacional con tres premios, dous deles con dotación económica. Esta mostra pretende xerar un espazo de diálogo, reflexión e intercambio ao redor da confluencia entre antropoloxía e cinema; e aínda que a súa orientación é etnográfica, no seu programa engádense filmes, curtas e documentais que abranguen estéticas e temáticas diversas, creando un espazo variado e inclusivo, sempre co ánimo de mostrar miradas abertas ao mundo que nos rodea. Ademais da sección de concurso internacional, a organización da MICE programa seccións fóra de concurso e actividades relacionadas ao longo do ano.
Grande éxito teñen as súas actividades para centros escolares e as proxeccións en distintos puntos da periferia da cidade, como as celebradas na 17ª edición nos centros socioculturais de Conxo e do Castiñeiriño.
No ano 2021, coa finalidade finalidade de achegar o audiovisual ao público máis novo, estréase o Pequefilmes – Festival Infantil de Curtas, organizado pola Xunta de Galicia a través do Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura.
Trátase dun evento referente a nivel galego, que pon o foco nas crianzas, ofrecéndolles unha coidada selección de obras internacionais de gran calidade, cunha especial atención ás producións de cineastas e escolas galegas.
Os contidos buscan, non só entreter ao público, senón formar aos espectadores cun espírito crítico e ofrecer alternativas ás canles comerciais máis próximas. De forma que, nenas e nenos exercen de xurado e outorgan os premios. Xunto ás seccións competitivas, atopamos unha programación variada con obradoiros e actividades ao redor do cine, a animación e a linguaxe audiovisual.
Por último, o festival máis recente na nosa cidade é a Mostra internacional de cine e educación (CINEDUCA), inaugurada o 19 de abril de 2022 coa proxección de La clase (Entre les murs) de Laurent Cantet (Francia, 2008). Coa celebración deste evento, inténtase impulsar un novo espazo de diálogo e debate entre os problemas da educación e o cinema, xa que o formato audiovisual ten unha gran influencia sobre a sociedade.
Neste encontro, organizado polo Ateneo de Santiago, proxectaranse 6 longametraxes de temática educativa, ao redor das cales se levarán a cabo mesas redondas e conferencias. Así como tamén se fará a entrega do premio Ateneo Cineduca, un galardón para pezas audiovisuais realizadas en centros de ensino.
Seis citas ineludibles coa cultura, que enchen as salas da nosa cidade de propostas audiovisuais para todos os públicos. Non faltes!