A fundación do Cineclube de Compostela remóntase a 2001, cando un grupo de estudantes da Facultade de Ciencias da Comunicación comezaron a proxectar filmes en formato vídeo no centro. Estas proxeccións acompañábanse dun breve estudo crítico da obra e aquela práctica continuou no tempo. Esta experiencia inicial foi o xerme do que chegou a ser o cineclube, unha asociación cultural con actividades de proxección fílmica e grande interese por parte do público.
Desde os seus comezos no 2001 até a actualidade, o Cineclube Compostela foi adaptando o seu formato de reprodución (desde 16 ou 35mm até a actual videoproxección) e mudando de espazo en diferentes ocasións (realizando as súas proxeccións na actualidade no centro social Gentalha do Pichel), porén, as súas actividades sempre tiveron unha grande acollida.
Como botou a andar este proxecto? O Cineclube de Compostela naceu en 2001, un momento no que había moitas menos posibilidades para ver cinema na cidade, arredor da Facultade de Xornalismo, onde había posibilidade de acceder a unha sala e un proxector. Pero tal como existe hoxe, pódese dicir que o Cineclube é produto dunha serie de reflexións e mudanzas que se deron entre 2004 e 2005, cando decidimos converternos nunha asociación autoxestionada, mudarnos ao Pichel, usar as posibilidades da rede para facer a programación que queremos e programar os filmes de balde e en galego.
Como valorades a relación do público galego co cine? É difícil de dicir. As opcións para ver cine en Galicia variaron moito co tempo, seguramente igual que noutros lugares, e seguirán variando coas consecuencias da crise do coronavirus. Se cadra poderiamos pensar que hai unha relación estreita pola cantidade de cineclubes, espazos alternativos de proxección, festivais… onde hai un público “militante”, pero tamén podería ser que nos fixemos soamente nunha parte para dicir que Galicia é un lugar especialmente cinéfilo.
Que tipo de público acode ás vosas proxeccións? Credes que hai algunha relación especial entre Compostela e o cinema? Tentamos non nos dirixir a ningún tipo de público en concreto, para o que variamos todo o que podemos a programación. É certo que durante uns anos o público xeral foi pasando de ser universitario a entrar na trintena, conforme se elevaba tamén a idade media das organizadoras. Afortunadamente, nos últimos anos houbo unha gran renovación da Xunta Directiva, e con ela se fidelizou o público máis novo, que sempre viña a comezos de curso, pero que algúns anos custou “enganchar”. Aínda que temos entre o público habitual persoas que superan esas idades, se cadra son as persoas maiores de 50 anos ás que máis nos custa atraer, quizais polas características da sala de proxección. E é unha mágoa, porque nesas idades hai moita afección ao cinema.
Compostela é unha cidade con afección ao cinema, pero, lamentabelmente, case sempre se vehiculou a través de grandes eventos puntuais e non dunha programación regular. Determinados filmes enchían as proxeccións de Cineuropa mentres pasaban sen ningunha repercusión polas pantallas dos Valle Inclán ou os Compostela, agora xa fechados. Durante algún tempo, chegamos a ser a única opción de programación continuada fóra das multisalas dos centros comerciais. A abertura de Numax comezou a cambiar esa dinámica, e esperamos que xere máis asistencia habitual a toda a oferta cinematográfica.
Cales son as expectativas ou obxectivos a longo prazo para o Cineclube? Non pensamos moito no longo prazo: o obxectivo do Cineclube é ver cousas, compartir unha experiencia arredor delas, achegar un traballo de programación ao público, aprender… Non precisamos crecer nin temos ánimo de lucro, así que simplemente esperamos seguir tendo o tempo, as ganas e a xente suficiente para poder seguir facéndoo.
Pódese vivir do audiovisual galego? Poder pódese, outra cousa é que sexa doado e/ou cómodo. A verdade é que é unha carreira de longa distancia que obriga a sacrificios, con bastante discontinuidade laboral e moitas veces máis paixón que recoñecemento. De feito en certos postos é difícil ver xente traballando con máis de 30 ou 40 anos.
Con todo, a industria audiovisual galega actual medrou moito, demostrando as súas cualidades máis alá das nosas fronteiras. Onde hai 10-15 anos case todo se resumía na produción orientada á emisión na TVG, hoxe en día hai produtoras sacando series que gañan presenza en plataformas online, así coma unha moi boa acollida do cinema galego en festivais de todo o mundo, tanto do incluído baixo a etiqueta do Novo Cinema Galego coma o de autores e autoras máis individuais. Isto repercute na posibilidade de vivir facendo audiovisual galego, e incluso de facelo relativamente á marxe da industria.
Que dous filmes dos que coñecedes lles recomendariades a aquelas persoas que queiran coñecer Compostela? O primeiro, cabe sinalar que pese a importancia que ten o cinema para a cidade, esta apenas aparece representada (e moito menos ben retratada) nin na historia do cinema galego nin na historia do cinema español. Dentro disto cabería destacar o episodio que Claudio Guerín lle adicou a Santiago de Compostela dentro da serie de documentais franquistas Conozca usted España, emisión polémica que alén da función de exaltación dos poderes vivos da ditadura consegue ofrecer un retrato da vida cotiá compostelá como poucas veces se fixo no século XX. Moi polémico no seu momento ata o punto de que RTVE pediu desculpas públicas e encargou e emitiu un novo episodio sobre a cidade a modo de “desagravio”, e que desde hai relativamente pouco se pode ver nos arquivos do ente grazas ás reivindicacións de Ezequiel Méndez, fundador e director do Cineclube de Compostela orixinal a comezos dos 60. E dentro dese horríbel subxénero que é o cinema relacionado co Camiño de Santiago cabe non esquecer que Buñuel fixo aquí un dos seus filmes da etapa francesa da súa carreira, A Vía Láctea, adicada a desromantizar a idea da pelegrinaxe e sustentada sobre herexías e documentos reais que se relacionan coa cidade e a importancia que esta tivo na vida medieval.