Santiago de Compostela Film Commission é unha oficina municipal de promoción audiovisual sen ánimo de lucro e con vocación de servizo público creada no ano 2002 por Turismo de Santiago. O seu obxectivo principal é o de promover a cidade a través do fomento da cultura da imaxe, así como estimular e consolidar a industria cinematográfica e audiovisual e todos os servizos que derivan dela.
Con que vontade nace a Film Commission? SCFC nace coa vontade de poñer a disposición dos profesionais do sector audiovisual un escenario irrepetible, como é a propia cidade, para a realización de todo tipo de producións. A razón disto son os múltiples beneficios que reporta esta actividade a Compostela non só en termos culturais, senón tamén promoción do destino, impacto económico directo e indirecto, fomento da industria audiovisual local, fomento doutros sectores como hostalería, restauración, aluguer de vehículos etc etc.
Parécevos que estes obxectivos iniciais están cumpridos? Sobradamente. Pasamos de 8 producións atendidas no 2002 – 2003 a 45 no 2020. Ao longo deste período, Santiago de Compostela foi vista e promocionada ante millóns de persoas a través das pantallas de cine, TV e dispositivos varios de toda Europa, América do Sur, EEUU, Xapón, Corea do sur, Filipinas, Malasia, por nomear algúns dos países “exóticos” aos que, doutro xeito, sería moi difícil e custoso acceder para facer promoción. O incremento de visitantes, turistas e peregrinos a Santiago nos últimos anos é espectacular e non cabe dúbida de que a difusión do destino a través das distintas producións audiovisuais contribuíu a este incremento.
Cal é a receptividade de Santiago e da súa veciñanza cando se propón a gravación dun filme? Unha rodaxe de envergadura no centro dunha cidade é sempre un trastorno. Se o centro desa cidade é ademais monumental, Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, peonil, cun importante fluxo de peóns en tempada alta, a cousa complícase bastante. Por iso procúrase planificar a rodaxe para teña o menor impacto posible en hostaleiros, comerciantes e veciños. Isto é complexo. Polo xeral, a colaboración por parte da veciñanza é boa, pero sempre hai ese cidadán que pasa todos os días por esa rúa que está cortada e non está disposto a dar un pequeno rodeo ou esperar uns minutos. Ou ese hostaleiro que esixe unha cantidade desorbitada por non poñer a terraza unhas horas. O que ocorre é que esta é a xente que fai máis ruído.
Hai moitas alternativas, cales son os motivos principais polos que se escolle Santiago de Compostela para gravar? Non se pode pasar por alto que Santiago é a meta do Camiño, e iso sempre atraerá producións de todo tipo, non só longametraxes, senón documentais, programas de TV, etc. Á marxe do fenómeno xacobeo, a propia cidade ten un atractivo propio. Pola súa beleza, arquitectura, monumentalidade, gastronomía, cultura, historia etc. A zona vella é un reclamo importante polo seu magnífico estado de conservación, con localizacións irrepetibles tanto en exteriores como en interiores. Pero Santiago ten moito máis que ofrecer. Pegada á zona vella hai unha cidade moderna, vibrante, actual. Nos barrios lindeiros hai arquitectura contemporánea de primeira orde, sen esquecer a Cidade da Cultura. Todo isto rodeado dun entorno rural a tiro de pedra do centro da cidade. Os produtores valoran moito a proximidade entre distintos tipos de localizacións para evitar desprazamentos de equipos. A isto hai que engadir unha importante oferta de empresas e profesionais do audiovisual, sen esquecer infraestrutura hoteleira e aeroporto.
Cal é ou son as localizacións máis solicitadas? Polo xeral, as máis espectaculares e representativas da cidade: praza do Obradoiro, Praterías, Quintana, Alameda, praza de Cervantes e casco histórico en xeral. Ultimamente hai un incremento de rodaxes en localizacións interiores privadas.
Que impresións destacan as persoas que veñen de fóra para gravar en Santiago sobre a cidade? Soa a tópico, pero en moitos casos quedan marabillados. Nalgún caso, incluso hai quen volveu a Santiago en visita persoal. Hai que salientar que, a maioría das veces, os equipos estranxeiros son moi conscientes do delicado que é rodar nunha cidade das características de Santiago, moi respectuosos coas indicacións dadas e moi agradecidos polas facilidades e a colaboración prestada.
Podes darnos algunha exclusiva sobre futuras rodaxes na cidade? Algún nome coñecido? Ás produtoras non lles gusta que se adiante información sobre rodaxes antes de que o fagan público eles. O que si se pode adiantar é a rodaxe a finais deste mes (xaneiro) dun documental para unha nova serie de TVE conducido por un famoso presentador, e un programa para a televisión pública de Xapón NHK.
Que dous filmes dos que coñeces lles recomendarías a aquelas persoas que queiran coñecer Compostela? Para coñecer Compostela, 2 longametraxes dirixidas por 2 composteláns (un picheleiro e outro adoptivo) nas que a cidade é un personaxe máis. “13 Comidas” de Jorge Coira e “A noite que deixou de chover” de Alfonso Zarauza.