Saltar ao contido

Entrevista a NUMAX

    NUMAX é moito máis que un cinema; é tamén unha libraría; un laboratorio de deseño, comunicación e produción audiovisual; unha cooperativa sen ánimo de lucro na súa forma xurídica; o soño das persoas que a impulsaron; e é tamén o resultado do apoio de 182 persoas que avalaron de xeito mancomunado unha importante cantidade de diñeiro coa que se fixo posible a creación deste espazo.

    Localizada en Santiago de Compostela, nesta cooperativa traballan un grupo de persoas procedentes de diversos ámbitos da creación e difusión cultural que nun momento da súas vidas deciden colaborar para faceren xuntas o que estaban afeitas a faceren por separado e crear, entre outros proxectos, a única sala de cinema independente en versión orixinal de Galiza con programación diaria.

    Como foi o proceso de maduración da idea NUMAX? Tiñades algún referente de proxecto similar? NUMAX presentouse publicamente en marzo de 2015 pero a idea do que ía ser o proxecto xa se estaba a madurar desde o ano 2014. Parecíanos que en Santiago de Compostela había un baleiro, sen un cine no centro da cidade con oferta fóra das grandes superproducións. E todo isto tendo en conta a tradición cinéfila e cultural de Santiago de Compostela.

    Pero, ademais, NUMAX implicaba moito máis que un cine pois tamén é unha libraría e un laboratorio de deseño, comunicación e produción audiovisual. E todo isto débese a que o grupo orixinal e a xente que se foi integrando co tempo fixeran as súas carreiras profesionais en diferentes ámbitos e a idea era que cada unha das patas tivese un centro, que é a cooperativa NUMAX coas súas diferentes áreas de actividade.

    Outro aspecto para destacar de NUMAX é a súa forma xurídica, xa que somos cooperativa sen ánimo de lucro, o que tamén singulariza o proxecto. Desde o comezo tiñamos claro que non queriamos ser unha empresa convencional e buscamos unha fórmula que garantise unha estrutura organizativa horizontal e na que todos os excedentes xerados do traballo repercutisen na propia cooperativa.

    En canto aos modelos, existe en Barcelona outro cine que tamén é cooperativa e que apareceu á par que Numax, o Zumzeig.

    Despois deste anos, NUMAX é hoxe en día un dos cinemas cooperativos únicos, con referentes a nivel europeo, pero único no noroeste do estado.

    Por que foi Santiago de Compostela o lugar escollido para vos instalar? Existe unha relación especial entre Santiago e o cine? As persoas que formamos NUMAX case ningunha somos de Compostela, pero todas nos formamos na cidade. Por tanto, Santiago sempre foi un punto de encontro. Xa sendo estudantes de xornalismo xurdira a iniciativa do Cineclube de Compostela. Despois, por cuestións diversas, os camiños profesionais fóronnos levando fóra e unha das partes máis bonitas deste proxecto foi o feito de nos achegar entre nós e tamén á nosa cidade de acollida. Na actualidade NUMAX conta con 12 persoas socias e tres asalariadas, o que a converte nunha iniciativa que contribúe a asentar poboación na cidade e asegura postos de traballo.

    En canto á relación co cinema, Compostela non é que teña unha poboación moi grande pero moita da veciñanza é cinéfila, o que se aprecia na existencia de certames como Cineuropa, Curtocircuíto ou Amal; propostas aparentemente minoritarias pero que teñen moita aceptación.

    Como valorades a relación do público galego co cine e, en especial, a da mocidade? En Santiago hai moito público universitario que se interesa polo mundo do cine e se achega a NUMAX. Ten, tamén, unha facultade de xornalismo. Dirixido á mocidade, NUMAX ten ademais o programa “Os ollos verdes. O cinema inédito de NUMAX”, unha proposta coa que se fai posible a estrea en pantalla grande de obras cinematográficas anovadoras que, posuíndo unha calidade artística certificada en festivais de prestixio internacional, non adoitan atopar espazo nas carteleiras comerciais.

    Tamén temos actividades para público infantil e escolares, como “NUMAX na escola”, cuxa resposta soe ser moi boa pero que agora mesmo está parado debido ás circunstancias actuais, e Petís NUMAX, con sesións matinais para público infantil. Desta experiencia destaca a capacidade e sensibilidade con que estes espectadores novos aceptan a proposta e que moitas veces teñen unha visión, unha mirada sen apenas prexuízos que contribúe á boa aceptación deste cinema.

    En xeral, pódese dicir que a resposta ás propostas de Numax soe ser moi boa e que existe demanda de ofertas diferentes á comercial.

    O cinema que amosa a sala é un cine que entra no “non comercial”, como se difunde fronte ás grandes producións? Hai moitos públicos para o cinema e todos poden confluír. Consumir cinema comercial non significa renunciar á oferta de NUMAX, e viceversa. NUMAX é unha sala pequena, polo que non aspira a facer os números dun cinema comercial. En xeral, hai moita atención para as estreas nas salas. Ademais, en NUMAX existe outro público que se achega a través do traballo de comunicación, nas redes, a edición dunha newsletter… Neste sentido, estamos en pé de igualdade.

    Que expectativas e soños de futuro ten a cooperativa? Agora mesmo, o futuro sería volver ao pasado anterior á pandemia. Recuperar as posibilidades de aforo e, a curto prazo, volver a recuperar e ir consolidando determinadas liñas de programación máis arriscadas, como “Cine clásico” ou “Ollos verdes”.

    Por outro lado, tamén nos gustaría afianzar a relación co tecido asociativo da cidade e con outros festivais (aínda que xa colaboramos con Curtocircuíto e Cineuropa).

    En definitiva, a idea principal sería consolidar a nosa proposta.

    Que dous filmes lles recomendariades a aquelas persoas que queiran coñecer Compostela? Non son dúas exactamente pero parécennos todas elas moi interesantes:
    – “Vía Láctea”, de Luís Buñuel. Unha viaxe polo camiño que acaba en Compostela e na que se fai un imaxinario do Camiño e da súa vida cultural.
    – “Panorámicas”, de Claudio Guerín. Documental dos anos 60 que se pode ver no portal da RTVE.
    – E, por último, “Acariño galaico (de barro)”, de José Val del Omar. É a obra dun cineasta experimental español que fixo gravacións sobre Galiza e, sobre todo da catedral, cuns clarescuros do máis sobrecolledores.
    – “O edificio Castromil”, unha gravación amateur dos anos 70 do Grupo Lupa que captura os últimos días e o derrubo do mítico edificio modernista situado na Praza de Galicia.

    Etiquetas:

    Deixa unha resposta