Saltar ao contido

Entrevista a Manuel Cortés

    Actor, escritor, poeta, guionista e letrista musical, a súa traxectoria non se entende sen falar do espazo da Sala Nasa e da compañía Chévere, á que se incorporou en 1992. Ademais de actor de teatro, tamén ten unha fonda traxectoria no mundo audiovisual.

    Foi actor protagonista na serie As leis de Celavella e tamén actuou noutras series televisivas como Pepe o Inglés,O sabor das margaridasou Auga Seca. No mundo do cinema interpretou papeis en Sinbad (2011), O ouro do Tempo (2011) ou máis recentemente Cuñados (2021), entre outros.

    Como escritor ten participado na escrita de moitas obras teatrais e de televisión, ademais de ter publicados dous libros de poesía: A rutina é o deber de todas as criaturas (1997) e Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados (co colectivo Ronseltz, 1994).

    De onde nace a túa paixón polo cine? Cando era pequeno de ver Sesión de Tarde os sábados na TV. E tamén de todo o cine que vin cando estudaba nos Salesianos de Ourense.

    Que amosa un actor galego cando roda en Galiza ou interpreta personaxes galegas? En principio o que mellor pode transmitir é verdade. Sen esquecer nunca a sorte que supón poder traballar na túa terra, con referentes propios e lingua propia.

    Cales son os teus referentes no mundo da interpretación galega? Máis que referentes, podería sinalar persoas das que aprendín moito traballando con elas. Pero son tantas que non habería espazo e non me perdoaría esquecer algunha.

    Na túa experiencia, pódese pasar desapercibido como actor recoñecida nunha cidade pequena como Santiago de Compostela? Afortunadamente non son tan coñecido como para que o recoñecemento supoña un trastorno da miña rutina. E ademais teño que dicir que cando alguén me recoñece e se dirixe a min, ata agora sempre me resultou satisfactorio.

    Como valoras a relación do público galego co cine? Se a pregunta é co cine galego, cada vez acude máis xente ás salas, así que considero que o apoio é cada vez maior.

    Que dous filmes dos que coñeces lles recomendarías a aquelas persoas que queiran coñecer Compostela? Doentes e Encallados.

    De ter un orzamento ilimitado, habería algún libro ou tes algunha idea que che gustaría gravar especificamente en Santiago de Compostela? Home, si… Con orzamento ilimitado ocorreríanseme unhas cantas ideas e malo sería que algunha non se puidese realizar. Santiago é unha cidade ideal sobre a que contar historias.

    Etiquetas:

    Deixar unha resposta