Saltar ao contido

Entrevista a Araceli Gonda Cabreira

    Natural de Gondomar, chegou a Santiago para estudar Xornalismo e, desde aquela, viviu na capital galega, até que en 2017 se muda a Ortoño (Ames), onde vive actualmente.
    No 2004 comezou a traballar como guionista e compaxinou este traballo coa redacción de deportes da TVG durante máis de dez anos, até que en 2010 decidiu deixar o mundo da televisión para centrarse na súa carreira como guionista.

    Ao longo da súa carreira escribiu en series para a TVG como Luci (da que é co-creadora), Padre Casares, Terra de Miranda, Pazo de Familia ou Serramoura, entre outras, e tamén participou na serie Piratas (Telecinco) e formou parte do equipo de guión da serie Hierro (Movistar+ e Arte Francia). No mundo do cinema escribiu o guión da comedia Cuñados e colaborou no guión de 18 comidas, de Jorge Coira, que recibiu o premio a mellor guión nos Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual. Tamén guionizou programas de entretemento como Tourilandia, escribiu varias obras de teatro e varios libros infantís.

    Como foron os teus comezos no mundo do audiovisual? Tras licenciarme en Xornalismo entrei a traballar na redacción de deportes de TVG. Estando alí, fixen un curso de guión impartido por Andrés Mahía (Zopilote). O primeiro que nos dixo foi que un guionista faise escribindo, así que nos puxemos a idear entre todos unha comedia sobre estudantes que comparten piso, á que eu lle puxen moitas ganas. Ás poucas semanas de rematar o curso recibín unha chamada de Xosé Morais, que estaba de coordinador de guión dunha serie nova que se estaba escribindo, sobre estudantes que comparten piso (nada que ver coa nosa). Quedaran sen un guionista e Mahía faláralle de min. Fixen unha proba e colléronme. A serie era “4º sen ascensor”, e foi o meu primeiro traballo como guionista. A partir daquel, viñeron máis. Durante uns anos compaxinei o meu traballo na TVG coa escritura, pero en 2010 decidín dedicarme só ó guión. E ata hoxe.

    Paréceche máis doado escribir da realidade que coñeces ou facelo sobre outra allea? A min resúltame máis fácil escribir de realidades que me son próximas, o que non significa que sexa necesario pasar por todas as experiencias das que escribes para facelo ben. Cada un leva unha mochila que se vai enchendo con moitas cousas: o que vives ti, o que viven os que te rodean, o que che contan, o que les, o que ves nos telexornais, nas películas, nas series… E a onde non chega a experiencia, está o estudo e a documentación.

    Como foi a experiencia de escribir un guión para unha película rodada na cidade de Santiago de Compostela? “18 comidas” foi unha experiencia moi peculiar, porque é unha película rodada con técnicas de improvisación. Había guión, do que falamos moito Jorge Coira (o director e principal guionista), Diego Ameixeiras e eu, pero non había diálogos escritos. Todo o que se di na película sae dos actores. Para min foi un proceso de aprendizaxe, de achegarme un pouco ó traballo de dirección e de interpretación e de entender un pouco mellor con que armas traballa cada un. Logo, que a historia estivese localizada na súa maior parte en Santiago foi un engadido máis para facela unha película moi especial, porque é unha cidade á que lle teño moitísimo cariño.

    Á hora de escribir, é o guión quen se adapta ás localizacións ou son as localizacións as que, dalgunha maneira, condicionan o guión? Depende da historia que queiras contar. Hai historias que nacen desubicadas e que, de entrada, poderían desenvolverse en calquera parte. Se cadra necesitas unha gran cidade, pero non unha en concreto; ou un pobo con mar, pero non un en especial. E hai outras historias que van ligadas a un lugar ou a unhas localizacións cunhas necesidades específicas, e polo tanto valas xogar xa desde guión.

    Que dous filmes dos que coñeces lles recomendarías a aquelas persoas que queiran coñecer Compostela? Encallados, de Alfonso Zarauza, con guión de Xosé Castro “Pato”, Andrés Mahía e o propio Zarauza, é unha marabilla. E vou varrer para casa e dicir tamén 18 comidas.

    De ter un orzamento ilimitado, habería algún libro ou tes algunha idea que che gustaría gravar especificamente en Santiago de Compostela? A falta de un, hai dúas historias en proxecto pensadas para Santiago, pero están nun punto no que aínda me dá cousa falar delas. Oxalá nalgún momento poidamos repetir entrevista por ter algo máis concreto que contar. Cruzo dedos.

    Etiquetas:

    Deixar unha resposta