A vinculación de Compostela co mundo do cinema e a creación cinematográfica é rica e variada, e iso que foi a última das grandes cidades galegas en coñecer unha proxección do cinematógrafo: o 7 de xaneiro de 1900 no Ateneo. Xa desde ese momento inicial percíbese gran expectación na cidade sobre ese novo invento. Expectación que medrou co tempo, con proxeccións nas feiras e dando aparición aos pavillóns temporais ou ás primeiras salas estables.
Compostela Filmada nace para axudármonos a coñecer a historia do cinema en relación co noso concello. Que filmes foron rodados aquí? Que estivo Cary Grant no Obradoiro? Gravou aquí Luís Buñuel? Cal é a relación de Zarauza e Margarita Ledo con Santiago?
Esta páxina web, en constante actualización, quere dar unha visión panorámica sobre o cinema e a nosa cidade, para o cal ofrece un paseo virtual polas nosas rúas e outro polas salas de cine históricas, completado cunha bibliografía, con biografías, con liñas do tempo (Cronoloxía CF, Historia Filmada e O cineclubismo en Compostela) e cun inventario, e que se ve acompañado de entrevistas a persoas do mundo do cinema, novas e artigos. Compiláronse tamén carteis, trailers e vídeos completos de filmes, series, curtametraxes e documentais rodados en Santiago de Compostela ou onde é protagonista principal.